Arquivos mensuais: Novembro 2019

Moción patios coeducativos

Fotografía: Eldiario.es

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Outro 25N saímos ás rúas para reivindicar máis medidas que nos conduzan á erradicación das violencias machistas nas súas distintas manifestacións. Este ano facémolo tras un rexistro de asasinadas cruento e coa sensación de que a sociedade se conciencia e avanza máis rápido do que o fai o propio sistema como o demostra unha nova sentenza patriarcal a unha “manada” fai só unhas semanas. Por elo debemos lexislar para protexer pero tamén para transformar o sistema, polo que é necesaria a implantación de medidas estruturais con incidencia principal no ensino.

Partindo de que as escolas son unha das áreas de socialización máis importantes para as nenas e os nenos, é imprescindible reforzar o papel das mesmas e do profesorado a prol da igualdade. Neste senso, a escola debe converterse no principal axente a prol da igualdade, espazo no que se combatan os estereotipos e roles que fomentan a desigualdade de xénero, e no que se traballe no respecto e inclusión da diversidade.

Malia que nos últimos anos se deron avances na introdución da perspectiva de xénero nas escolas e se desenvolveron diversos programas e proxectos de educación en igualdade, resultan insuficientes, esporádicos e moitas veces dependen da vontade da comunidade educativa ou de propostas de institucións concretas.

Un dos aspectos de desigualdade sobre os que se ten reflexionado nos últimos tempos é o que afecta ao uso dos espazos. Neste senso, unha escola verdadeiramente inclusiva e igualitaria require que os espazos, servizos, procesos, materiais e produtos podan ser utilizados por todo o alumnado sen ningún tipo de discriminación e se incorporen as condicións que aseguren a accesibilidade física, cognitiva, sensorial e emocional.

Se falamos dos patios educativos e de recreo, lugar na que as nenas e nenos pasan, de media, unhas 525 horas ao ano, é evidente que o espazo central está ocupado, maioritariamente, polos campos de xogos de pelota, nos que se concentran, maioritariamente, os nenos, deixando ás nenas arrinconadas en lugares secundarios.

Para reequilibrar estes usos diferenciados, están xurdindo diversas iniciativas consistentes na redistribución de zonas nos patios, diferenciando contornas e democratizando o espazo. Deste xeito, en determinados proxectos resérvase unha zona para xogos de pelota, pero tamén outras para outros usos; habilítanse zonas verdes e hortos educativos; píntanse no chan ‘taboleiros’ para xogos tradicionais como a mariola, o tres en raia, as carreiras de chapas, o fútbol con chapas, o  twister… convertendo o patio nun lugar de lecer pero tamén de aprendizaxe, a través de xogos inclusivos e non excluíntes.

 

Por outra banda, as novas tecnoloxías e as redes sociais supoñen outro espazo de socialización e ocio para as nosos nenos e nenas cuxa influencia na formación do seu carácter está por determinar, posto que falamos de ferramentas cuxa aparición e democratización son relativamente recentes. Non obstante, como espazos de socialización, reflicten un orde baseado no sistema imperante, polo que se arrastran as mesmas dinámicas de socialización, estereotipos e discriminacións incluídas. Ante esta nova maneira de relacionarse e o aceso cada vez máis temperá ás mesmas, é preciso establecer parámetros que fomenten dinámicas positivas e favorecer a capacidade das familias e dos e das menores para detectar comportamentos discriminatorios e condutas negativas que as veces pasan desapercibidas pola distorsión que deriva do uso destas ferramentas, incluso no caso das persoas adultas. Neste senso, debemos traballar dende as institucións para facilitarlle ás menores e ás familias (que na súa maioría descoñecen o riscos derivados desta primeira inmersión nas redes sociais) os medios que as protexan nos seus primeiros pasos nas novas tecnoloxías e no mundo das redes sociais, incluíndo a perspectiva feminista tan necesaria para prever que as nenas se atopen en situación de vulnerabilidade, fomentando ademais o uso responsable das mesmas e evitando que as novas tecnoloxías se convertan nunha ferramenta habitual de “bullying”. Somos conscientes de que a sociedade se forma a pequena escala en cada aula e a concienciación dende as primeiras idades é fundamental, tanto para prever como para identificar estas ou outras problemáticas.

 

Ante esta situación, e conscientes da importancia de traballar dende o ensino para a transformación social cara a igualdade, este ano, a campaña “en Negro contra as violencias” promovida en moitos concellos de Galicia, pon o seu foco na educación. Para contribuír dende Vilagarcía de Arousa a que as nosas escolas sexan axentes principais en prol da igualdade  que combatan a desigualdade de xénero e que traballen no respecto e inclusión da diversidade, instamos ao concello de Vilagarcía de Arousa a adoptar os seguintes

 

ACORDOS:

 

-Desenvolver un plan de patios escolares inclusivos e coeducativos a prol da igualdade de xeito que se aposte por xogos que promovan a convivencia, a inclusión  e un uso dos espazos igualitario.

 

-Deseñar unha campaña (en colaboración coas ANPAS e colectivos feministas), para o uso responsable e con perspectiva feminista das novas tecnoloxías e as redes sociais enfocada ás menores, ANPAS, familias e persoal educativo. Promover a mesma tanto nos centros de ensino como espazos frecuentados por nenos e nenas e a mocidade, como poden ser bibliotecas, instalacións deportivas…, facilitando así a implantación transversal da mesma.

 

-Dotar de fondos procedentes do “Pacto de Estado contra as Violencias machistas” (sempre que as condicións da nova asignación o permita) ou do propio concello para o desenvolvemento desta campaña.