Arquivos mensuais: Xaneiro 2020

Marea da Vila presenta unha moción de accesibilidade e para corrixir barreiras para as persoas con discapacidade visual.

 

Vilagarcía de Arousa, a 18 de xaneiro de 2020.  Marea da Vila pídelle ao Concello que amose o seu compromiso coas persoas con discapacidade cunha batería de medidas encamiñadas a favorecer a inclusión e autonomía das persoas con discapacidade visual e dar cumprimento á lei de accesibilidade vixente.

Unha das liñas básicas do programa de Marea da Vila, é a de acadar unha vila para todas as persoas, especialmente aquelas cuxa realidade lles fai afrontar dificultades específicas como é o caso das persoas con discapacidade. “Curiosamente, ferramentas que deberían servir para mellorarnos ás vidas, en ocasións supoñen novas barreiras para as persoas con discapacidade”, sinala a concelleira de Marea da Vila, María de la O Fernández González. Un caso dunha nova barreira, é o sistema de quendas que se están a implantar nalgúns organismos públicos como é o Sergas. Segundo denuncia a voceira de Marea da Vila- “este sistema deixa ao marxe ás persoas con discapacidade visual, privándoas da súa autonomía”. E é que dende Marea da Vila pensamos que “ os feitos demostran que a Xunta é a primeira en incumprir a súa propia lei, quizais porque falta unha perspectiva inclusiva e o desenvolvemento da lei”.

Por elo, dende Marea da Vila presentamos unha moción na que pedimos que o Concello de Vilagarcía inste á Xunta a reformular o sistema de quendas para facelo máis inclusivo, algo que o Grupo Común da Esquerda no que se inclúe Podemos vai facer no propio Parlamento. Ademais, dende Marea da Vila incluímos outras medidas de carácter específico para Vilagarcía, como a realización de actividades e campañas informativas, informes sobre o cumprimento da lei de accesibilidade a nivel local, a inclusión de subtítulos nos vídeos sobre as intervencións no pleno, ou a mellora da accesibilidade das webs asociadas ao Concello de Vilagarcía, como o portal de transparencia, a web de turismo, etc.