Marea da Vila amosa a súa preocupación ante o anuncio e a falta de información do paso polo Ramal dun tren de 400 metros

Foto: Martina Miser

 

Vilagarcía de Arousa, a 28 de maio de 2019. Unha vez coñecida pola prensa a intención de Portos de facer pasar un tren de 400 metros polas vías que comunican a estación do Ferrocarril co peirao de Ferrazo, dende Marea da Vila queremos manifestar a nosa preocupación polas moitas incógnitas que abre esta nova.

En primeiro lugar, queremos facer fincapé na falta de información por parte da Autoridade Portuaria sobre este asunto. Sagrario Franco ten a costume de facer boas as palabras de José Llorca “los puertos no tenemos ninguna vocación de hacer ciudad”. Agora demóstrao preparando, de costas á cidadanía, o tránsito pola Vila dun tren de gran volume (400 metros) por unhas vías que levan anos sen uso, e cuxa única proba se fixo cunha locomotora en febreiro de 2017. Segundo a nosa concelleira electa María de la O “non parece que o paso dun tren destas características sexa a elección máis idónea para a estrea da vía. Hai que recordar que o paso da locomotora de proba tardou 10 minutos en percorrer o trazado, canto se supón que tardará un tren destas características? Que trastornos pode ocasionarlle esta situación á veciñanza?”.

Ademais, dende Marea da Vila consideramos que a data do venres 16 de xuño e o horario escollido supoñen por parte da Autoridade Portuaria a imposición do paso do tren nun dos momentos que maior conxestión sofre o tráfico da Vila. “Despois de tantos anos de convivencia cunhas vías pantasmas, parece que Portos se empeñou en facer saber á cidadanía da súa existencia da peor maneira posible. Se o que buscan é que o paso deste tren de 400 metros non pase desapercibido para ninguén, esa hora e ese día seguro que o conseguen, pero máis que nada polos inconvenientes que vai supoñer”.

Dende Marea da Vila instamos á Autoridade Portuaria a aclarar os detalles concretos, incluíndo o dispositivo de seguridade previsto, para que así a cidadanía poida avaliar os posibles prexuízos da mesma. Ademais, gustaríanos saber cal é o plan de comunicación á veciñanza programado dende Portos, se é que pensaban informar de maneira axeitada deste asunto co fin de minimizar o trastorno. Tamén é importante que se informe do tempo estimado de duración desta viaxe de ida e volta, e que se notifique o horario exacto. Preocúpanos ademais a asunción de responsabilidade da Autoridade Portuaria ante os posibles danos do paso dun tren destas características por unha vía sen uso previo. Pedímoslle á Autoridade Portuaria que reconsidere se unha operación destas características, a ese día, a esa hora, é a mellor opción para Vilagarcía, ou quizais é que nos atopamos ante outra situación máis na que se demostre que para a Autoridade Portuaria Vilagarcía non conta.

Deixa unha resposta