Marea da Vila oponse ao depósito dos lodos procedentes do dragado do Río Lérez en Sálvora, e sumámonos á PDRA na petición de eliminación do punto actualmente existente.

Vilagarcía de Arousa, a 07 de xuño de 2019. Estes días coñecemos a confirmación por parte de Portos de Galicia do depósito dos lodos procedentes do dragado do Río Lérez en Sálvora, despois de que as confrarías da Ría de Pontevedra amosaran o seu rexeitamento do depósito dos mesmos na Illa de Tambo. Dende Marea da Vila manifestamos a nosa preocupación non só por esta decisión, senón polo continuado emprego da área da Illa de Sálvora como depósito de residuos, cuestión cuxo impacto na Ría de Arousa parece non terse en conta.

“Dende Marea da Vila comprendemos o rexeitamento por parte das confrarías da Ría de Pontevedra do depósito dos lodos na área de Illa de Tambo, pero non que se ignore ao sector do mar da Ría de Arousa na decisión de desviar os residuos a Sálvora, cando o que se debería é proceder á eliminación dun punto que soporta unha vertedura de máis de 5 millóns de metros cúbicos de lodos” indica a concelleira electa María de la O Fernández González. Marea da Vila súmase ás manifestacións da PDRA e os sectores produtivos da Ría ao respecto da necesidade de eliminación dese punto “é por elo que acompañaremos ao sector nos pasos que considere oportuno dar e consideramos que esta debe ser a posición unánime das formacións políticas que forman a corporación de Vilagarcía” anuncia María de la O”.  A Xunta debe buscar alternativas para o tratamento dos residuos que non prexudiquen ao ecosistema das nosas rías, “falamos moito de transición enerxética e políticas verdes, polo que as institucións deben ser as primeiras en eliminar prácticas nocivas para o medio e que corresponden a outros tempos”, remata María de la O.

Deixa unha resposta