Marea da Vila pon sobre a mesa a necesidade de estudar a posible municipalización da xestión da piscina de Fontecarmoa.



Vilagarcía de Arousa, a 19 de setembro de 2019. Segundo previsións do propio Goberno Local, o novo prego de condicións do servizo da piscina cuberta e climatizada de Fontecarmoa debera estar listo o 31 de decembro de 2021. Dende Marea da Vila consideramos que o Goberno debe ser previsor con este tema para que non aconteza o mesmo que co contrato do lixo, con sucesivas prórrogas por non ter rematado a tempo a redacción do mesmo, e insistimos na necesidade de explorar a posible municipalización dos servizos.

Tras o remate do contrato de concesión coa empresa Serviocio Cultura, Deporte y recreación SL, o Concello procedeu a prorrogar o servizo coa empresa ata o remate da redacción do novo prego de condicións. Segundo se informa na acta da Xunta do Goberno do 2 de setembro, o Goberno Local estima que isto non acontecerá ata o 31 de decembro de 2021, data na que prevé ter lista a ampliación da piscina municipal que se construirá a través da subvención da Deputación e, maiormente, dos fondos europeos FEDER.

“Dende Marea da Vila pensamos que é importante sinalar dúas cuestións-indica a voceira do grupo municipal, María de la O-en primeiro lugar, a necesidade de avanzar na redacción do prego para que recolla todas as cuestións pertinentes para a mellora do servizo e que estea listo na data prevista, posto que Vilagarcía non se merece que se repitan situacións como as do contrato do lixo, con sucesivas prórrogas”. Ademais, Marea da Vila pon novamente na mesa a necesidade da estudar a posible municipalización do mesmo. “Non entendemos por que outros concellos están dando pasas de cara a municipalización de servizos e en Vilagarcía nin sequera se baralla o estudo desa posibilidade. Outras experiencias municipais demostran que municipalizar é factible e máis eficiente, ademais de supoñer un maior control dos recursos municipais, aí temos ao concello de Teo que nos últimos anos municipalizou cinco servizos”-argumenta María de la O.

Queremos recordar, ademais, que as persoas que usan a piscina manifestáronse fai uns meses debido ás deficiencias da mesma, tanto polas condicións das instalacións, a falta de persoal que afronte a demanda, ou o estado das máquinas. Naquel momento a concesionaria admitiu o problema coas máquinas e remitiuse ao novo contrato. Agora sabemos que este non sairá ata 2021 e que mentres, segundo nos indican, houbo uns leves cambios dende a protesta,  pero “preocúpanos que estas substitucións non sexan suficientes e da conformidade das persoas usuarias e pensamos que o Goberno Local debería supervisar os cambios, ademais de asegurarse de que a empresa leva a cabo as modificacións pertinentes durante o período que vai ata o 2021. Precisamos buscar solucións inmediatas e un seguimento da calidade do servizo mentres non se renoven as instalacións. Non debemos esperar á que a veciñanza salga de novo a queixarse”-remata María de la O.

 

Deixa unha resposta