Marea da Vila considera o traslado de distintas pezas do Museo Ferroviario de Padrón fora de Galicia como un agravio comparativo tras a negativa ao traslado da Sarita a Vilagarcía

Hai uns meses os medios de comunicación anunciaron o traslado da locomotora Sestao, ata agora no Museo Ferroviario da Fundación Camilo José Cela, para incorporarse ao Museo do Ferrocarril de Ponferrada. A semana pasada coñecemos que un vagón de mercancías, tamén cedido a dita fundación, foi trasladado dende a mesma a La Fregeneda, en Salamanca.

Dende Marea da Vila manifestamos a nosa sorpresa polo traslado fora de Galicia destas dúas pezas pertencentes á Fundación de Ferrocarrís, cando o ano pasado dende esta mesma entidade reiteraban a negativa da Xunta respecto da cesión a Vilagarcía da locomotora Sarita «Lo cierto es que nunca se ha dado el caso de que se le retire un bien a la entidad a la que se le haya cedido» foron as palabras de Miguel Jiménez, xerente do departamento de Patrimonio Histórico e Turismo Ferroviario. Pois ben, isto último, á vista de acontecementos recentes, parece non ser exactamente así.

Debemos recordar que a petición do traslado da Sarita a Vilagarcía (nun absoluto estado de abandono como a maioría das pezas de dito Museo Ferroviario) foi aprobada polo pleno do concello. Ademais, a deputada Luca Chao rexistrou esta mesma petición ao Parlamento de Galicia, co fin de incorporar a locomotora Sarita ao Museo do Ferrocarril de Vilagarcía. A Xunta apoiou a súa negativa na reapertura da Fundación ao público, polo que a locomotora non podía saír dos fondos do museo. Se xa naquel momento este feito parecía dubidoso, hoxe constátase que o Museo Ferroviario de Padrón está sendo obxecto de desmantelamento, como demostra o traslado da locomotora Sestao fai uns meses e do vagón a pasada semana. A Xunta manifestouse en contra do traslado da locomotora Sarita de Padrón a Vilagarcía, pero descoñecemos o seu parecer respecto a que estas dúas pezas saian fora de Galicia, se é que teñen coñecemento do actual estado dunha entidade, a Fundación Camilo José Cela, que foi rescatada con fondos públicos debido á mala xestión, e que hoxe está de actualidade pola celebración do xuízo pola presunta malversación de caudais públicos.

Como afirma a candidata á alcaldía María de la O Fernández “queremos recordar a pasividade do PSOE de Vilagarcía, que xa durante o pleno falou da posibilidade de que a petición do traslado da Sarita podería abrir un conflito con Padrón, argumento que tamén puxo na mesa a mesma Xunta de Galicia, pero que parece ser irrelevante cando o traslado de calquera das locomotoras da fundación se fai fora de Galicia”. Ante a negativa da Xunta o goberno local limitouse a esperar o envío por parte da Fundación de Ferrocarrís de calquera outra peza que compensase a negativa respecto á Sarita, pero é evidente que outras institucións si son quen de realizar xestións efectivas para o traslado de pezas dende o Museo Ferroviario de Padrón fora de Galicia. “Estase ignorando a vinculación histórica e emocional da Sarita con Vilagarcía, o que supón un valor engadido que non tería ningunha outra peza. Ademais, descoñecemos se existe un plan de futuro para o Museo Ferroviario de Padrón, posto que parte do material do mesmo estase a trasladar fora de Galicia, e tememos que ese sexa o destino da Sarita”, insiste María de la O.

Dende Marea da Vila preguntaremos cal é a situación actual da locomotora Sarita, se permanece abandonada na Fundación ou está previsto que sexa trasladada a calquera outro punto da xeografía española, algo do que non nos gustaría enterarnos polos xornais”, avanza María de la O. “Insistimos en que a historia da Sarita, a vinculación con Vilagarcía, e os anos de abandono que sufriu, converten ao Museo do Ferrocarril de Vilagarcía no seu mellor destino”, conclúe a candidata á alcaldía por Marea da Vila.

Deixa unha resposta