Arquivo da categoría: Avances do Programa

Programa electoral de Marea da Vila

Aquí podedes ler o programa completo de Marea da Vila. Un programa consecuencia da escoita e a participación da veciñanza, que busca a mellora do día a día da xente. As propostas que compartimos son realizables e buscan dar respostas ás necesidades do conxunto de Vilagarcía. Pero isto só é un punto de partida,  a partir do 26 de maio as políticas as decididiremos xunto a vós. Coa túa voz #OCambioÉAgora!

Programa de Marea da Vila

Proposta programática: Posta en valor do Monte Xiabre

O Monte Xiabre polas súas características naturais e pola historia que atesoura é un dos máis importantes patrimonios da Vila. Sen embargo, aínda que hai unha vinculación emocional clara de Vilagarcía con respecto ao Xiabre, o monte é continuamente esquecido nas políticas, desaproveitando así o seu potencial turístico, didáctico e de ocio. É necesario integrar ao Monte Xiabre nas políticas, por iso dende Marea da Vila propoñemos as seguintes medidas que contribúan á posta en valor e o aproveitamento de recursos do Monte Xiabre:

  • Catalogar todos os elementos arqueolóxicos que atesoura o Monte Xiabre.
  • Creación de novas rutas de sendeirismo así como a limpeza a acondicionamento das actuais.
  • Realización das intervencións necesarias para a conservación e posta en valor do Castro da Xaiba.
  • Establecer un plan para a sinalización, limpeza, e realización de actividades lúdico-didácticas arredor dos petróglifos da bacía do río Salgueiro.
  • Creación dunha páxina web onde estean georreferenciados todos os xacementos do concello, así como fotos, vídeos, realidade aumentada e explicacións e historia dos mesmos, que ocupe un lugar referenciado na web de turismo do concello.
  • Abrir un diálogo cos concellos de Catoira e Caldas para abordar acción conxuntas encamiñadas á creación dun parque comarcal rupestre que englobe e poña en valor o patrimonio arqueolóxico do Monte Xiabre, a modo do Compostela Rupestre que xa se está a desenvolver entre os concellos da zona de Compostela.
  • Falar coas Comunidades de Montes e de maneira colaborativa estudar a posibilidade de realizar repoboacións con especies de frondosas caducifolias que contribuirán á protección contra os incendios e mellora dos ecosistemas.
  • Estudar xunto ás comunidades de montes e a veciñanza as posibilidades de creación de modelos cooperativos (coma Monte Cabalar), que posibiliten a creación dun modelo produtivo de rendibilidade económica a medio prazo, con capacidade de fixación de emprego e baseado no principio da economía social .

Programa de mantemento das parroquias e barrios “Todas as mans”

Imaxe do Marea da Vila Escoita nunha xuntanza en Cornazo

Motivación

Unha das queixas máis recorrentes é que os distintos gobernos de Vilagarcía acostuman facer políticas enfocadas no centro urbano mentres se descoidan ás parroquias e os barrios. Dende Marea da Vila cremos necesario implantar ferramentas que axuden a corrixir esta desigualdade histórica para acadar unha Vila na que todas as persoas poidamos desfrutar de servizos óptimos e dun entorno accesible e cómodo para as nosas vidas. Para elo, non basta con realizar as inversións necesarias, senón que hai que completalas co mantemento que garanta que esas inversións teñan efecto no tempo. Ninguén mellor que a veciñanza para detectar as necesidades nese senso, pero á vez tampouco debemos facer políticas a golpe de queixa, senón traballar para prever o deterioro debido ao uso e o tempo. É preciso estruturar o coidado da nosa Vila e facer partícipe ás persoas que a habitamos, implicándoas e creando a conciencia de que o futuro de Vilagarcía está nas nosas mans, e que a relación que establecemos co lugar no que vivimos, ten repercusións no mesmo. Seguir lendo Programa de mantemento das parroquias e barrios “Todas as mans”

PROPOSTA PARA A CREACIÓN DUN CONSELLO DA MEMORIA DEMOCRÁTICA MUNICIPAL

Exposición de motivos

A transición democrática foi un período de avances importantes pero non trouxo consigo a obrigada reparación e recoñecemento da memoria das vítimas do Franquismo. Para corrixir isto, no 2007 aprobouse a Lei de Memoria Histórica, cuxo cumprimento está a levarse a cabo de maneira desigual, debido a distintas razóns, entre elas a falta de orzamento durante algunha das últimas lexislaturas.
A pesar de ser unha lei de competencia estatal, a Lei de Memoria Histórica precisa do acompañamento doutras institucións para a súa aplicación integral. No caso de Vilagarcía, aínda persisten símbolos do Franquismo en recoñecidos espazos públicos (como a cruz de grandes dimensións que preside a Igrexa Parroquial e na que se homenaxea aos membros do bando nacional e a José Antonio Primo de Rivera) ademais de que nomes de figuras da ditadura continúan a formar parte do noso rueiro. Co fin de avanzar no cumprimento da lei, durante este mandato constituíuse unha comisión de seguimento, da que forman parte os distintos partidos con representación municipal, que acordou a necesidade de modificar o rueiro. Esta tarefa decidiuse realizar con unha asistencia técnica privada con ningún resultado polo de agora posto que o seu contrato non se ultimou ate o pasado mes de febreiro. Seguir lendo PROPOSTA PARA A CREACIÓN DUN CONSELLO DA MEMORIA DEMOCRÁTICA MUNICIPAL

Marea da Vila propón iniciar un proceso de transición enerxética para aforrar mediante enerxías renovables

Marea da Vila propón afrontar unha transición enerxética na vila. Todos coñecemos os efectos do consumo de combustibles fósiles para o medio ambiente. Tamén coñecemos as nefastas consecuencias económicas e, sobre todo, para a nosa saúde.

Unha das ideas erróneas máis difundidas sobre as enerxías renovables é que son máis caras que as convencionais e que precisan de subvencións para que sexan viables. Hai anos que as instalacións renovables son moi rendibles, permitindo un aforro importante dende o primeiro día na maioría dos casos.

Seguir lendo Marea da Vila propón iniciar un proceso de transición enerxética para aforrar mediante enerxías renovables