Arquivo da categoría: posición institucional

Dende Marea da Vila, unímonos ás celebracións e reivindicacións do Orgullo 2019

Hoxe conmemórase o 50 aniversario dos disturbios de Stonewall e durante esta xornada e a próxima semana son moitos os actos de celebración e reivindicación arredor do Orgullo 2019, cuxo eixo central será a memoria e a importancia das persoas que loitaron polas liberdades que hoxe desfrutamos. Por iso, dende Marea da Vila sumámonos ao berro “Maiores sen armarios: historia, loita e memoria!”.

Marea da Vila traballou o ano pasado nunha moción que defendeu un integrante da asociación Xuventude Activa en Sinerxía (XAS) na que se aprobaron unha serie de acordos, entre eles a dinamización do Punto de Información LGTBI existente no concello dende o 2014, cando se aprobou a Lei 2/2014 “pola igualdade de trato e non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia”. A 5 anos de aprobación de dita lei, temos que lamentar a falta de desenvolvemento e dotación orzamentaria da mesma por parte da Xunta de Galicia, o que fai que a lei resulte ineficaz no cumprimento dos seus obxectivos.

A raíz da aprobación da moción proposta por Marea da Vila, o Concello organizou a xornada “Vilagarcía diversa e orgullosa” coa que pretendía dar a coñecer o punto de información LGTBI cuxa existencia ignoraba a maioría da veciñanza, e argumentaban que esta sería a primeira dunha serie de accións nas que o punto estaría presente. Lamentablemente, a pesar de ser hoxe 28 de xuño, descoñecemos que o concello teña previsto durante este e os próximos días realizar algunha acción de reivindicación e celebración do Orgullo 2019, e tememos que desaproveite unha ocasión perfecta para volver a sacar o punto ás rúas.

Marea da Vila considera ademais, que o Concello debería dar a coñecer dito punto por outros medios, como a web municipal, e comezar a elaborar informes sobre a demanda, número de persoas que se achegan ao punto, carácter da problemática, etc. Deste modo poderíamos avaliar a evolución e nivel de coñecemento do mesmo e encamiñarnos cara a existencia dun Observatorio LGTBIQ+ municipal. Sabemos que isto último é ambicioso, pero ir dando pasos nese senso sería moi beneficioso para converternos nunha Vila libre e diversa.

Dende Marea da Vila seguiremos traballando na liña de avanzar cara a equidade e liberdade de tódalas persoas, recoñecendo a diversidade como un valor para as nosas vidas. É por elo que impulsaremos iniciativas políticas para que o Concello de Vilagarcía asuma a súa responsabilidade como institución e ademais inste á Xunta de Galicia a desenvolver a Lei 2/2014, se comprometa coa necesidade de ter unha Lei de Identidade de Xénero Galega, e con moitas outras cuestións que supoñen débedas históricas co colectivo LGTBIQ+.

Non podemos deixar de sinalar que a loita polos dereitos LGTBIQ+ nos inclúe a todas, posto que supón un dos grandes esforzos para acadar esa sociedade en equidade e libre que moitas consideramos a única opción para unhas vidas vivibles. Queremos acabar, precisamente, esixindo reparación para as persoas LGTBIQ+ que abriron camiño, que, nunha época na que se lles perseguía, expuxeron as súas vidas e corpos polos dereitos e liberdades de hoxe. As institucións deben garantir que os servizos sociais e, concretamente, as residencias para as persoas da terceira idade, tanto públicas como privadas, respecten a orientación sexual, identidade ou expresión de xénero das persoas, vivan soas ou en parella.

Maiores sen armario: historia, loita e memoria!