Arquivo da categoría: Comunicados

Notas de prensa enviadas por Marea da Vila e presenza nos medios

Marea da Vila pon sobre a mesa a necesidade de estudar a posible municipalización da xestión da piscina de Fontecarmoa.



Vilagarcía de Arousa, a 19 de setembro de 2019. Segundo previsións do propio Goberno Local, o novo prego de condicións do servizo da piscina cuberta e climatizada de Fontecarmoa debera estar listo o 31 de decembro de 2021. Dende Marea da Vila consideramos que o Goberno debe ser previsor con este tema para que non aconteza o mesmo que co contrato do lixo, con sucesivas prórrogas por non ter rematado a tempo a redacción do mesmo, e insistimos na necesidade de explorar a posible municipalización dos servizos.

Tras o remate do contrato de concesión coa empresa Serviocio Cultura, Deporte y recreación SL, o Concello procedeu a prorrogar o servizo coa empresa ata o remate da redacción do novo prego de condicións. Segundo se informa na acta da Xunta do Goberno do 2 de setembro, o Goberno Local estima que isto non acontecerá ata o 31 de decembro de 2021, data na que prevé ter lista a ampliación da piscina municipal que se construirá a través da subvención da Deputación e, maiormente, dos fondos europeos FEDER.

“Dende Marea da Vila pensamos que é importante sinalar dúas cuestións-indica a voceira do grupo municipal, María de la O-en primeiro lugar, a necesidade de avanzar na redacción do prego para que recolla todas as cuestións pertinentes para a mellora do servizo e que estea listo na data prevista, posto que Vilagarcía non se merece que se repitan situacións como as do contrato do lixo, con sucesivas prórrogas”. Ademais, Marea da Vila pon novamente na mesa a necesidade da estudar a posible municipalización do mesmo. “Non entendemos por que outros concellos están dando pasas de cara a municipalización de servizos e en Vilagarcía nin sequera se baralla o estudo desa posibilidade. Outras experiencias municipais demostran que municipalizar é factible e máis eficiente, ademais de supoñer un maior control dos recursos municipais, aí temos ao concello de Teo que nos últimos anos municipalizou cinco servizos”-argumenta María de la O.

Queremos recordar, ademais, que as persoas que usan a piscina manifestáronse fai uns meses debido ás deficiencias da mesma, tanto polas condicións das instalacións, a falta de persoal que afronte a demanda, ou o estado das máquinas. Naquel momento a concesionaria admitiu o problema coas máquinas e remitiuse ao novo contrato. Agora sabemos que este non sairá ata 2021 e que mentres, segundo nos indican, houbo uns leves cambios dende a protesta,  pero “preocúpanos que estas substitucións non sexan suficientes e da conformidade das persoas usuarias e pensamos que o Goberno Local debería supervisar os cambios, ademais de asegurarse de que a empresa leva a cabo as modificacións pertinentes durante o período que vai ata o 2021. Precisamos buscar solucións inmediatas e un seguimento da calidade do servizo mentres non se renoven as instalacións. Non debemos esperar á que a veciñanza salga de novo a queixarse”-remata María de la O.

 

Con motivo da Semana Europea da mobilidade, Marea da Vila presenta unha iniciativa para fomentar a mobilidade a pe e a adhesión de Vilagarcía á rede de cidades que camiñan.

 

 

Vilagarcía de Arousa, a 17 de setembro de 2019. Do 16 ao 22 de setembro celébrase a semana europea da mobilidade, este ano co lema #CamiñaConNós. Dende Marea da Vila presentaremos no próximo pleno unha moción para facer de Vilagarcía unha vila “camiñable” e a adhesión á “Rede de Cidades que camiñan”.

Marea da Vila está en consonancia coas voces que, cada vez máis, reivindican unha nova mobilidade e a reordenación das vilas para convertelas en espazos de convivencia, dándolle prioridade á mobilidade peonil. “Recoñecemos que nos últimos anos Vilagarcía foise encamiñando cara ese modelo, pero o tránsito non está a ser fácil. É por elo que reivindicamos a experiencia de cidades que van uns pasos por diante, para aprender das súas iniciativas de xestión e maneiras para afrontar as dificultades.”-indica a voceira de Marea da Vila, María de la O Fernández González.

“A nosa concepción municipalista vai sempre na liña de tecer rede entre concellos, polo que na moción pediremos a adhesión de Vilagarcía á Rede de cidades que camiñan”-sinala a concelleira- “para compartir experiencias e acceder ás formacións e obradoiros que se levan á cabo na rede, ademais de supoñer unha ferramenta de promoción e un distintivo do compromiso coa mobilidade de Vilagarcía”.

“Sen ir máis lonxe-continúa María de la O-, a rede ofrece este mesmo mes formacións relativas ao deseño de Camiños escolares seguros, como parte dun proxecto piloto que Cádiz porá en marcha durante este curso. Vilagarcía, que acaba de licitar a redacción do proxecto de distintos camiños escolares por un total de 14.950,00€, podería aprender destas experiencias e sacar un rendemento positivo do que xa se está a traballar noutros concellos do estado”.

 

Para máis información: http://ciudadesquecaminan.org/

Marea da Vila oponse ao depósito dos lodos procedentes do dragado do Río Lérez en Sálvora, e sumámonos á PDRA na petición de eliminación do punto actualmente existente.

Vilagarcía de Arousa, a 07 de xuño de 2019. Estes días coñecemos a confirmación por parte de Portos de Galicia do depósito dos lodos procedentes do dragado do Río Lérez en Sálvora, despois de que as confrarías da Ría de Pontevedra amosaran o seu rexeitamento do depósito dos mesmos na Illa de Tambo. Dende Marea da Vila manifestamos a nosa preocupación non só por esta decisión, senón polo continuado emprego da área da Illa de Sálvora como depósito de residuos, cuestión cuxo impacto na Ría de Arousa parece non terse en conta.

“Dende Marea da Vila comprendemos o rexeitamento por parte das confrarías da Ría de Pontevedra do depósito dos lodos na área de Illa de Tambo, pero non que se ignore ao sector do mar da Ría de Arousa na decisión de desviar os residuos a Sálvora, cando o que se debería é proceder á eliminación dun punto que soporta unha vertedura de máis de 5 millóns de metros cúbicos de lodos” indica a concelleira electa María de la O Fernández González. Marea da Vila súmase ás manifestacións da PDRA e os sectores produtivos da Ría ao respecto da necesidade de eliminación dese punto “é por elo que acompañaremos ao sector nos pasos que considere oportuno dar e consideramos que esta debe ser a posición unánime das formacións políticas que forman a corporación de Vilagarcía” anuncia María de la O”.  A Xunta debe buscar alternativas para o tratamento dos residuos que non prexudiquen ao ecosistema das nosas rías, “falamos moito de transición enerxética e políticas verdes, polo que as institucións deben ser as primeiras en eliminar prácticas nocivas para o medio e que corresponden a outros tempos”, remata María de la O.

Marea da Vila amosa a súa preocupación ante o anuncio e a falta de información do paso polo Ramal dun tren de 400 metros

Foto: Martina Miser

 

Vilagarcía de Arousa, a 28 de maio de 2019. Unha vez coñecida pola prensa a intención de Portos de facer pasar un tren de 400 metros polas vías que comunican a estación do Ferrocarril co peirao de Ferrazo, dende Marea da Vila queremos manifestar a nosa preocupación polas moitas incógnitas que abre esta nova.

En primeiro lugar, queremos facer fincapé na falta de información por parte da Autoridade Portuaria sobre este asunto. Sagrario Franco ten a costume de facer boas as palabras de José Llorca “los puertos no tenemos ninguna vocación de hacer ciudad”. Agora demóstrao preparando, de costas á cidadanía, o tránsito pola Vila dun tren de gran volume (400 metros) por unhas vías que levan anos sen uso, e cuxa única proba se fixo cunha locomotora en febreiro de 2017. Segundo a nosa concelleira electa María de la O “non parece que o paso dun tren destas características sexa a elección máis idónea para a estrea da vía. Hai que recordar que o paso da locomotora de proba tardou 10 minutos en percorrer o trazado, canto se supón que tardará un tren destas características? Que trastornos pode ocasionarlle esta situación á veciñanza?”.

Seguir lendo Marea da Vila amosa a súa preocupación ante o anuncio e a falta de información do paso polo Ramal dun tren de 400 metros

Marea da Vila propón ao resto de forzas políticas facer unha fronte común para reclamar que a Xunta cumpra co investimento en saneamento ao que se comprometeu no 2013

Vilagarcía de Arousa, a 05 de abril de 2019. Acabamos de coñecer un novo episodio relacionado coa rede de saneamento de Vilagarcía, ademais doutra das frecuentes verteduras ao Río de Con. Dende Marea da Vila consideramos que este problema debería ser prioritario na axenda política vilagarciá, por iso levamos presentando distintas iniciativas ao Parlamento de Galicia, ademais de preguntas e comunicados nesa mesma liña. O problema do saneamento e da EDAR de Vilagarcía só se resolverá cando a Xunta asuma o investimento comprometido no 2013 co anterior alcalde Tomás Fole, ou os 9 millóns que cifrou á baixa no 2016 e cos que se comprometeu co actual goberno socialista. Pero vemos pasar os anos, e nada sabemos desas inversións. Seguir lendo Marea da Vila propón ao resto de forzas políticas facer unha fronte común para reclamar que a Xunta cumpra co investimento en saneamento ao que se comprometeu no 2013

Marea da Vila considera o traslado de distintas pezas do Museo Ferroviario de Padrón fora de Galicia como un agravio comparativo tras a negativa ao traslado da Sarita a Vilagarcía

Hai uns meses os medios de comunicación anunciaron o traslado da locomotora Sestao, ata agora no Museo Ferroviario da Fundación Camilo José Cela, para incorporarse ao Museo do Ferrocarril de Ponferrada. A semana pasada coñecemos que un vagón de mercancías, tamén cedido a dita fundación, foi trasladado dende a mesma a La Fregeneda, en Salamanca.

Dende Marea da Vila manifestamos a nosa sorpresa polo traslado fora de Galicia destas dúas pezas pertencentes á Fundación de Ferrocarrís, cando o ano pasado dende esta mesma entidade reiteraban a negativa da Xunta respecto da cesión a Vilagarcía da locomotora Sarita «Lo cierto es que nunca se ha dado el caso de que se le retire un bien a la entidad a la que se le haya cedido» foron as palabras de Miguel Jiménez, xerente do departamento de Patrimonio Histórico e Turismo Ferroviario. Pois ben, isto último, á vista de acontecementos recentes, parece non ser exactamente así. Seguir lendo Marea da Vila considera o traslado de distintas pezas do Museo Ferroviario de Padrón fora de Galicia como un agravio comparativo tras a negativa ao traslado da Sarita a Vilagarcía

Marea da Vila pregunta no Parlamento Galego sobre o compromiso de investimento para o saneamento e a EDAR de Vilagarcía

O deputado Marcos Cal trasladará ao Parlamento Galego, a petición de Marea da Vila, unha serie de preguntas encamiñadas a coñecer os plans da Xunta respecto aos compromisos adquiridos no 2016 para corrixir os problemas da rede de saneamento e da EDAR (estación depuradora de augas residuais).

No 2016, segundo a publicación no Diario Oficial de Galicia respecto ao Plan Hidrolóxico de Galicia, a Xunta tiña prevista unha inversión na redes de saneamento e depuración do Concello de Vilagarcía de 9.066.966 euros para o período comprendido entre 2016-2021, estimando á baixa o compromiso de 11 millóns de euros adquirido en 2013 polo conselleiro de política territorial Agustín Hernández co anterior alcalde Tomás Fole, compromiso que nunca chegou a levarse a cabo. Seguir lendo Marea da Vila pregunta no Parlamento Galego sobre o compromiso de investimento para o saneamento e a EDAR de Vilagarcía

Apoiamos a reclamación dos pais usuarios de UDIAF na súa demanda de instalacións axeitadas

Marea da Vila solicita a asignación de instalacións axeitadas e estables para o servizo de Asociación Gallega de Atención Temprana, a través de UDIAF.

Vilagarcía de Arousa, a 22 de Marzo de 2019.

Pais de crianzas usuarios do servizo UDIAF-Salnés, que se presta no edificio do centro social comunitario da avenida Rosalía de Castro, nos fixeron saber que non consta dunhas instalacións axeitadas, polo que veñen de presentar unha solicitude no contello.

UDIAF (Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar) da asistencia integral a nenos entre 0 e 6 anos con problemas ou situación de risco para o seu desenvolvemento. É un servizo prestado pola Asociación Gallega de Atención Temprana e xestionado pola Xunta de Galicia en locais cedidos polo concello de Vilagarcía no devandito Centro Sociocomunitario. Se da atención a crianzas con problemas sensoriais, da fala, cognitivos, motrices e outros; e con síndromes coma Rett, Down, Fetofetal, Alcohólico fetal, Autismo, Proder Willi, entre outros moitos. Seguir lendo Apoiamos a reclamación dos pais usuarios de UDIAF na súa demanda de instalacións axeitadas

Reunión co Arousa moza e usuarios do SkatePark

Marea da Vila reúnese cos usuarios do skatepark e coa asociación xuvenil Arousa moza para recoller as súas demandas

Vilagarcía, a 22 de marzo de 2019. As zonas de skatepark de Vilagarcía atópanse abandonadas polo concello. Os usuarios quéixanse pola falta de limpeza da zona do Centenario así como polas pésimas condicións das instalacións, algo que xa provocou accidentes entre os usuarios. Entre as demandas que nos achegan está a da optimización do espazo, a necesidade de ampliar o concepto e buscar tamén unha zona para os que fan parkour. “A día de hoxe non teñen instalacións adaptadas. Pódelos ver no skatepark un día, na Praza de Galicia outras veces… hai que responder ás súas necesidades pero xa por unha cuestión de seguridade” di María de la O, candidata á alcaldía por Marea da Vila. “Reunímonos cos usuarios e faláronnos da atención que os de maior idade lle prestan aos máis pequenos, aos que normalmente axudan a evitar as zonas perigosas. Pero, como nos dixeron, cando non están os maiores, é un perigo.” di María de la O, candidata de Marea da Vila. Seguir lendo Reunión co Arousa moza e usuarios do SkatePark

Marea da Vila aposta pola inclusión da perspectiva de xénero en tódalas áreas

Marea da Vila aposta pola inclusión da perspectiva de xénero en tódalas áreas de goberno e insta ao concello a levar a cabo a moción aprobada para unha Vila segura.

Vilagarcía de Arousa, a 14 de marzo de 2019. Dende Marea da Vila recordámoslle ao Goberno Local que debe cumprir coa moción aprobada de Marea da Vila pola que se comprometía a comezar coa corrección do alumeado de moitas das zonas de Vilagarcía, tanto do centro como dos barrios e as parroquias, que polas súas características presentan eivas de seguridade, facendo que ao camiñar por elas non nos sintamos seguras.

Seguir lendo Marea da Vila aposta pola inclusión da perspectiva de xénero en tódalas áreas