Con motivo da Semana Europea da mobilidade, Marea da Vila presenta unha iniciativa para fomentar a mobilidade a pe e a adhesión de Vilagarcía á rede de cidades que camiñan.

 

 

Vilagarcía de Arousa, a 17 de setembro de 2019. Do 16 ao 22 de setembro celébrase a semana europea da mobilidade, este ano co lema #CamiñaConNós. Dende Marea da Vila presentaremos no próximo pleno unha moción para facer de Vilagarcía unha vila “camiñable” e a adhesión á “Rede de Cidades que camiñan”.

Marea da Vila está en consonancia coas voces que, cada vez máis, reivindican unha nova mobilidade e a reordenación das vilas para convertelas en espazos de convivencia, dándolle prioridade á mobilidade peonil. “Recoñecemos que nos últimos anos Vilagarcía foise encamiñando cara ese modelo, pero o tránsito non está a ser fácil. É por elo que reivindicamos a experiencia de cidades que van uns pasos por diante, para aprender das súas iniciativas de xestión e maneiras para afrontar as dificultades.”-indica a voceira de Marea da Vila, María de la O Fernández González.

“A nosa concepción municipalista vai sempre na liña de tecer rede entre concellos, polo que na moción pediremos a adhesión de Vilagarcía á Rede de cidades que camiñan”-sinala a concelleira- “para compartir experiencias e acceder ás formacións e obradoiros que se levan á cabo na rede, ademais de supoñer unha ferramenta de promoción e un distintivo do compromiso coa mobilidade de Vilagarcía”.

“Sen ir máis lonxe-continúa María de la O-, a rede ofrece este mesmo mes formacións relativas ao deseño de Camiños escolares seguros, como parte dun proxecto piloto que Cádiz porá en marcha durante este curso. Vilagarcía, que acaba de licitar a redacción do proxecto de distintos camiños escolares por un total de 14.950,00€, podería aprender destas experiencias e sacar un rendemento positivo do que xa se está a traballar noutros concellos do estado”.

 

Para máis información: http://ciudadesquecaminan.org/

Deixa unha resposta