María de la O Fernández González

Biografía:

O meu nome é María de la O Fernández e son de Cornazo, aínda que vivín na Lomba moitos anos. Crieime cos meus avós, xa que, a falta de traballo e a mala calidade do que había, provocaron a marcha dos meus pais en busca de alternativas mellores. Estudei Maxisterio pola especialidade de Educación Infantil na Universidade de Vigo e, ao rematar, fixen a Licenciatura en Psicopedagoxía. Despois duns anos traballando de cole en cole como interina, de vivir en Xenebra catro anos, de ter estado dous en Madrid, o pasado verán, aprobei o proceso de oposición pola especialidade de Lingua Francesa e voltei á miña casa en Vilagarcía de Arousa. Actualmente, ademais de nai, son titora dun grupo de 5º de primaria no CEIP de Rubiáns. Antes de marchar a Xenebra participei do tecido asociativo e cultural da miña parroquia, xa que considero que, tanto a defensa da nosa identidade cultural coma a creación de tecido social, son fundamentais.

Motivación:

A principal motivación desta candidatura é a convicción de que outra maneira de facer as cousas é posible. Ese cambio que moitas esperamos só se dará a través dun proxecto de participación colectiva, onde todas as persoas son imprescindibles. A través da política municipalista podemos ir construíndo dende abaixo, tendo en conta tres aspectos: mulleres, territorial e participación social. Debemos pensar nunha vila para xente, gobernar por e para todos, facer de Vilagarcía unha vila na que as familias poidan establecerse e crear o seu proxecto de vida con políticas de creación de emprego de calidade, que favorezan o retorno de todas aquelas persoas que se viron na obriga de emigrar e que, como os meus pais, non tiveron aínda a oportunidade de regresar. Facer unha política feminista, participativa, na que as persoas estean no centro, construíndo unha verdadeira alternativa para o noso concello.