Programa de mantemento das parroquias e barrios “Todas as mans”

Imaxe do Marea da Vila Escoita nunha xuntanza en Cornazo

Motivación

Unha das queixas máis recorrentes é que os distintos gobernos de Vilagarcía acostuman facer políticas enfocadas no centro urbano mentres se descoidan ás parroquias e os barrios. Dende Marea da Vila cremos necesario implantar ferramentas que axuden a corrixir esta desigualdade histórica para acadar unha Vila na que todas as persoas poidamos desfrutar de servizos óptimos e dun entorno accesible e cómodo para as nosas vidas. Para elo, non basta con realizar as inversións necesarias, senón que hai que completalas co mantemento que garanta que esas inversións teñan efecto no tempo. Ninguén mellor que a veciñanza para detectar as necesidades nese senso, pero á vez tampouco debemos facer políticas a golpe de queixa, senón traballar para prever o deterioro debido ao uso e o tempo. É preciso estruturar o coidado da nosa Vila e facer partícipe ás persoas que a habitamos, implicándoas e creando a conciencia de que o futuro de Vilagarcía está nas nosas mans, e que a relación que establecemos co lugar no que vivimos, ten repercusións no mesmo.

Estrutura

Dende Marea da Vila propoñemos un programa de coidado do espazo público que conte coa participación da veciñanza e denominado “Todas as mans”, co fin de integrar nel a necesaria colaboración veciñal. O programa efectuarase nas seguintes fases:

Fase 1. Dividiremos Vilagarcía en zonas que agrupen as distintas parroquias e barrios co fin de calendarizar asembleas coa veciñanza nas que se debata das necesidades de mantemento das mesmas co fin de recollelas para as posibles actuacións.

Fase 2. Unha vez detectadas estas necesidades, recolleranse nun plan de actuación que se completará coa relación feita polo propio persoal do concello.

Fase 3. Avaliaranse os materiais e tempo precisos para abordar as mesmas e procederase a programar as actuacións necesarios para corrixilas. Unha vez determinado este punto, programaranse os traballos co obxectivo de que nos 12 meses do ano se poidan abordar todas estas actuacións.

Fase 4. Comunicaranse previamente á veciñanza de cada zona en cuestión as datas nas que os traballos se realizarán en dita zona, co fin de informar das condicións necesarias para que as actuacións se leven a cabo (liberar espazo de vehículos dun área determinada, limitar o aceso en zonas que os traballos o precisen, etc.).

Actuacións

O programa “Todas as mans” consiste nunha labor intensiva de coidado do espazo de convivencia veciñal. Non substitúe ás tarefas ordinarias de limpeza nin ás actuacións puntuais que se poidan acometer, senón que o que pretende é preservar o entorno e mantelo acorde coas necesidades ao longo do tempo. As tarefas que se inclúen son as seguintes:

  • Limpeza viaria profunda: con auga a presión, retirada de pintadas do mobiliario  público etc.
  • Limpieza intensiva de puntos negros.
  • Retirada de herbas das beirarrúas, prazas, etc.
  • Mantemento, limpeza e reposición de contedores de lixo.
  • Limpeza de pavimentos en zonas de áreas infantís e espazos lúdicos.
  • Limpeza, revisión, axuste e reparación dos xogos biosaudables e infantís.
  • Beirarrúas: mellora da accesibilidade. Conservación e mantemento das superficies peonís.
  • Mantemento, reposición e pintado do mobiliario.
  • Revisión e pintado dos pasos de peóns e semáforos.
  • Reparación das fochancas e limpeza dos firmes.
  • Limpeza e reparación do mobiliario e sinalización das paradas de autobús.
  • Renovación das lámpadas fundidas nos puntos de luz.
  • Conservación, , limpeza e mantemento das fontes ornamentais.
  • Revisión e substitución das tapas de saneamento.

Deixa unha resposta