Marea da Vila amosa a súa preocupación polo Plan de Transporte da Xunta e as posibles consecuencias para o tráfico no centro

Dende Marea da Vila manifestamos a nosa preocupación polo Plan de Transporte da Xunta e as consecuencias para o tráfico no centro urbano e pola situación á que condena á actual estación de autobuses, xa hoxe en día infrautilizada.

A través dunha moción aprobada no pleno o pasado ano, Marea da Vila foi a primeira en poñer o foco na necesidade de que os concellos da comarca se coordinaran para conseguir que o novo Plan de Transporte da Xunta se convertese realmente nunha ferramenta de vertebración da comarca, para o que é imprescindible que inclúa as distintas realidades de cada concello. Unha vez coñecido o mesmo, é claro que a Xunta actúa de costas aos concellos, posto que os criterios cos que se elaborou o plan non parecen ter en conta as necesidades dos mesmos.

Preocúpannos ademais as informacións respecto á posibilidade de que a mancomunidade pense en habilitar a súa propia liña comarcal á marxe do plan deseñado dende Santiago, xa que isto significaría duplicar esforzos e custes para dispoñer dun servizo que, por todas é sabido, está sendo pouco empregado por non adaptarse ás necesidades das persoas usuarias. É tempo de que a Mancomunidade se poña do lado da veciñanza do Salnés como fronte común para defender unha vertebración comarcal real. Confiamos en que os concellos presenten as alegacións pertinentes e continúen presionando á Xunta para que inclúa as mesmas no plan xa que non se pode deseñar dende San Caetano sen ter en conta ao territorio. A única vía é a da aceptación por parte da Xunta das demandas da comarca.

Con respecto a Vilagarcía a Marea da Vila aposta claramente pola intermodalidade e o plan así o debe recoller. Que a Xunta pretenda desviar as principais liñas comarcais á céntrica estación municipal do Cavadelo, amosa que se obvia a realidade de Vilagarcía e os problemas de tráfico nesa zona, cousa que se incrementa os días de mercado. Ademais denota a falta de coñecemento e visión estratéxica que se leva a cabo dende a Xunta non sabendo aproveitar proximidade que as estacións de tren e autobús teñen na nosa Vila.

O plan de transporte debe centrarse na intermodalidade na nosa Vila situando o seu epicentro na estación de autobuses e prevendo a súa demandada conexión coa estación de tren e así formular un plan integral e non pequenos parches que deixen á marxe a realidade do transporte da comarca.

A situación respecto a Vilagarcía xéranos incerteza. Se continuamos a progresar cara un modelo de vila humanizada, non ten lóxica que admitamos a sobrecarga de tráfico de autobuses nunha zona no que o tráfico xa é un problema, e isto pode condicionar no futuro o modelo de cidade. Ademais, non se entende esta opción por parte da Xunta, cando temos unha estación de autobuses cunhas instalacións amplas, e próxima á estación de trens, que cada ano vemos languidecer, e que no plan reservaríase unicamente para os autobuses procedentes de Pontevedra e Caldas. Unha parte importante da vertebración da comarca pasa pola reactivación desa instalación e o uso que lle demos, cuxo principal eixo debe de ser a intermodalidade.

Deixa unha resposta