Marea da Vila amosa a súa satisfacción porque por fin o desembolso do pacto de estado chegue aos concellos e rexistra unha serie de preguntas ao concello sobre a súa execución.

Dende Marea da Vila amosamos satisfacción polo feito de que por fin se distribúan os fondos correspondentes aos concellos no que se refire ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, aínda que sabemos que eses 23.530,35 € destinados a Vilagarcía son insuficientes con todo o que temos por facer para acabar con esta lacra que só no mes de xaneiro asasinou a 9 mulleres, e que converte nun inferno a vida de tantas outras.

As persoas que formamos Marea da Vila pensamos que o noso concello ten o deber de reafirmar o compromiso coa loita contra as violencias machistas, non só con medidas de visibilización, senón con medidas estruturais que transformen a nosa sociedade. Por elo, imos rexistrar unha serie de preguntas ao goberno co fin de coñecer as liñas de investimento e os tempos que se marca, posto que teñen un prazo límite de execución do 30 de xuño.

Para atallar as Violencias Machistas, a incorporación dos colectivos feministas e daqueles outros que traballan pola erradicación das violencias contra as mulleres é fundamental. Como o é o traballo do CIM (traballo levado a cabo con moi escasos medios), a formación do persoal dos servizos públicos que teñen a responsabilidade de atención das mulleres en situación de violencia, ou o desenvolvemento de programas dirixidos á mocidade. Dende Marea da Vila pensamos que estes deberían ser algúns dos eixos sobre os que xirara este investimento.

Debemos recordar que o ano pasado se aprobou en pleno a moción de Marea da Vila “Unha Vila segura para as mulleres, unha Vila segura para todas as persoas”, na que se especificaban medidas sobre tres eixos, o urbanístico, o da formación con perspectiva de xénero para a policía local, e o punto lila nas festas. Dos cales, só o punto lila chegou a levarse a cabo, amosando, unha vez máis, a pouca vontade do goberno para executar os acordos plenarios.

Deixa unha resposta