Marea da Vila aposta pola inclusión da perspectiva de xénero en tódalas áreas

Marea da Vila aposta pola inclusión da perspectiva de xénero en tódalas áreas de goberno e insta ao concello a levar a cabo a moción aprobada para unha Vila segura.

Vilagarcía de Arousa, a 14 de marzo de 2019. Dende Marea da Vila recordámoslle ao Goberno Local que debe cumprir coa moción aprobada de Marea da Vila pola que se comprometía a comezar coa corrección do alumeado de moitas das zonas de Vilagarcía, tanto do centro como dos barrios e as parroquias, que polas súas características presentan eivas de seguridade, facendo que ao camiñar por elas non nos sintamos seguras.

Estes días asistimos a un dos habituais rifirafes entre PSOE e PP, esta vez por mor do alumeado. Na súa contestación, o Goberno Local gábase de que vai saír a licitación a mellora da rede do alumeado á que se destinarán 190.000 procedentes do superávit do 2017 segundo un acordo do pleno extraordinario de novembro. Dende Marea da Vila recoñecemos a necesidade desta actuación e agardamos a que a inversión supoña unha mellora estrutural ademais do aforro que estima o goberno. Sen embargo, indica María de la O, candidata á alcaldía por Marea da Vila, “tamén debemos recordarlle ao Goberno Local que no pleno previo ao 8 de marzo de 2018, se acordaron unha serie de actuacións encamiñadas a ter unha vila máis segura, incidindo na necesidade de corrixir a iluminación de zonas da nosa Vila que, polas súas características, percibimos como zonas de risco, sobre todo para as mulleres”. 

Por iso, segundo explica a número 1 por Marea da Vila “pedímoslle ao PSOE que asuma o acordo plenario e que inclúa a perspectiva de xénero nesta e nas diferentes actuacións que se practiquen sobre o alumeado, e a única maneira de facelo é precisamente contando coas mulleres e cos colectivos feministas, tal e como pedíamos na moción. Prosigue María de la O “como moitas exclamamos durante o pasado 8M, queremos camiñar seguras, queremos pobos e vilas onde ser mulleres non supoña un risco. Isto máis que unha consigna é unha proposta que require dun compromiso”. Tamén indica a candidata que “dende Marea da Vila apostamos pola inclusión da perspectiva de xénero en todas as áreas de goberno, e para garantir a aposta pola transversalidade, faremos que esta cuestión vaia asociada á alcaldía. O compromiso feminista debe asumirse dende a máis alta das responsabilidades.”

Deixa unha resposta