Marea da Vila considera que as verteduras do Porto son a consecuencia da falta de compromiso da Autoridade Portuaria con Vilagarcía

Marea da Vila considera que as verteduras do Porto que están de novo de actualidade estes días son a consecuencia da falta de compromiso da Autoridade Portuaria con Vilagarcía

Vilagarcía de Arousa, a 13 de marzo de 2019. Estes días vimos de coñecer a ratificación da sanción de 20.000€ á Autoridade Portuaria por unha infracción grave debido a que en 2014 realizou un recheo con materiais contaminantes. O feito, a todas luces inadmisible nunha institución como a Autoridade Portuaria, supón un síntoma da súa actitude coa contorna e tráenos á cabeza a frase de fai case un ano de José Llorca, Presidente de Portos do Estado, “los puertos no tenemos ninguna vocación de hacer ciudad, lo que queremos es generar los recursos que correspondan para poder pagar las deudas que tenemos”. Dende Marea da Vila consideramos que a Autoridade Portuaria de Vilagarcía é un claro exemplo disto.

Coñecido é que a xestión da Autoridade Portuaria de Vilagarcía nos últimos anos está máis centrada no confronto político con outras administración, nomeadamente o concello, que en velar polo bo facer no seu propio terreo. A última mostra desta práctica é a confirmación da sentenza que condena á rada arousá a unha multa de 20.000€ por unhas verteduras contaminantes no ano 2014, pero antes foron outras: as pistas de pádel, adxudicadas a dedo e cuxa xestión orixinou unha débeda de 60.000€ asumida logo por unha nova concesionaria tamén elixida a dedo, a retirada do aguinaldo de nadal por parte da Presidenta aos traballadores e traballadoras da entidade co consecuente prexuízo económico para estes e para o pequeno comercio da Vila, ou inversións millonarias infrautilizadas por falta de ser capaces de xerar o trafico marítimo preciso ou por executalas sen ten en conta se eran ou non precisas son outros claros exemplos.

E namentres a cidadanía da Vila sufrimos unha falta de colaboración entre ambas administracións que se traducen en que calquera actuación na fachada marítima se converta nun conflito innecesario que dificulta a nosa vida. A regulación do tráfico e da seguridade no viario portuario, o pavillón náutico ou os usos do edificio da antiga comandancia son cuestións urxentes e nas que ambas administracións deben sentarse a tomar decisións. E tamén será preciso, xa na próxima lexislatura, definir cal é a fachada marítima que queremos, elixindo entre o modelo fracasado do boom inmobiliario e dos pelotazos urbanísticos ou o do fin das verteduras e rexeneración e posta en valor da praia e dos seus arredores.

Por todo isto dende Marea da Vila exixímoslle á Autoridade Portuaria, en especial á súa presidenta, que se deixe de facer campaña dende as institucións e que xestione a rada pensando nas xentes da Vila xa que o Porto debe volver a ser un dos motores económicos de Vilagarcía, e non quen defenda os intereses políticos de un ou outro candidato.

 

Deixa unha resposta