Marea da Vila denuncia que, próximas ás vacacións de Semana Santa, a páxina de Turismo do Concello de Vilagarcía continúa sen funcionar

Marea da Vila pregunta ao Concello de Vilagarcía, cal é a data estimada para a reapertura do portal web de Turismo, e se estará habilitado para as próximas vacacións de Semana Santa.

Dende Marea da Vila levamos feito un seguimento á páxina web de turismo do Concello de Vilagarcía, que permanece en proceso de renovación dende que, aproximadamente fai un ano, se detectaran distintos erros de contido. Non entendemos que a renovación do portal requira de tanto tempo, e este atraso só se explica polo desleixo por parte do goberno e reflicte a falta de compromiso e a carencia dun modelo turístico para a nosa Vila.Nas proximidades da Semana Santa, preguntaremos ao Goberno Local sobre a data estimada de apertura do portal, posto que consideramos que o mesmo debería ser un atractivo turístico máis. Para moita xente supón a primeira forma de achegarse á nosa vila, e o contido da Web de Turismo pode ser decisivo á hora de que unha persoa visite Vilagarcía ou non. Ademais, é o deber do concello facilitar información ás persoas que nos visitan, se o que queremos é caracterizarnos como un concello que acolle e que as persoas que veñen, repitan.

Por un lado sorpréndenos tanta tardanza, pero por outro supón unha constante nun goberno que foi incapaz de levar ás distintas edicións de FITUR unha proposta propia, facendo que, ao contrario que outras vilas da comarca, Vilagarcía estivera realmente ausente no maior escaparate turístico do estado. Segundo palabras da nosa candidata, María de la O Fernández González “concellos como Cambados e Vilanova optaron por presentarse en FITUR cunha campaña propia, pero Vilagarcía sumouse á campaña provincial, amosando así falta de autonomía e a carencia de alternativa turística por parte dun goberno, que, unha vez máis, amosa unha clara dependencia da Deputación á hora de desenvolver ás súas políticas.”

Precisamos un modelo turístico para Vilagarcía. Ao contrario doutras forzas políticas que apostan por modelos que non se axeitan á realidade da nosa Vila, nós cremos que a nosa única vía é a aposta por un modelo de turismo sostible. Aproveitando a nosa magnífica ubicación e un patrimonio natural e cultural cuxo valor non se perdeu a pesar das desastrosas xestións dos distintos gobernos ao respecto. María de la O explica que “durante estes dous anos de vida da Marea da Vila vimos seguindo distintas liñas de traballo neste senso, que xa foron esbozando este modelo que, ante todo, debe sustentarse na premisa da convivencia. Apostar polo turismo non debe de supoñer un empeoramento da calidade de vida das persoas que vivimos a Vila. “

Deixa unha resposta