Marea da Vila e AHITUVI manteñen unha xuntanza co fin de analizar as deficiencias e as necesidades do sector hostaleiro

Vilagarcía de Arousa a 18 de xaneiro de 2019. Durante a tarde do 17 de xaneiro, membros de Marea da Vila mantiveron unha xuntanza co presidente de AHITUVI, Ricardo Santamaría, co fin de poñer en común as demandas do sector hostaleiro cuxa parte representa dita asociación. Este é un paso máis por parte de Marea da Vila na intención de elaborar o programa para as vindeiras municipais de maneira participada.

Durante a xuntanza, tocáronse aspectos como a necesidade de que o Concello designe a persoas que funcionen como enlace co tecido asociativo, para así favorecer a coordinación e que as institucións actúen como facilitadoras, dotando de ferramentas e poñendo a disposición das asociacións os recursos que xestionan, facendo fincapé na necesidade de habilitar locais para que poidan desenvolver as súas actividades.

Asemade, falouse da necesidade de que o Concello revise o cumprimento da ordenanza de terrazas. Cabe lembrar que a ordenanza de terrazas foi un dos puntos que o PP e o PSOE acordaron no chamado “Pacto de Cidade”, co que ambos partidos se aliaron para resolver a cuestión dos salarios. Dita ordenanza entrou en vigor non exenta de polémica e disenso por parte do sector, quen reclamou máis diálogo por parte do Concello. Dende AHITUVI, continúan a pedir diálogo, co fin de adaptar a ordenanza ás necesidades, pero tamén recalcan que é preciso o cumprimento da mesma, dado que moitos locais fixeron o esforzo de adaptarse, e porque a ordenanza é unha ferramenta imprescindible na convivencia entre hostalería e veciñanza.

Unha das cuestións tratadas foi a nova lei de espectáculos da Xunta, e as dúbidas que a entrada en vigor da mesma xerou no sector, recalcando a necesidade de ter unha ordenanza propia que regule claramente para que os locais poidan programar os espectáculos, e continuar construíndo unha Vilagarcía viva e dinámica.

Dende Marea da Vila pensamos que o compromiso do Concello coa hostalería local debe reflectirse nun plan de turismo coordinado co sector e veciñanza. A oferta non debe ser froito da improvisación, senón a consecuencia do tránsito entre a vila que somos e a vila que queremos ser. Un turismo de calidade, sostible, desestacionalizado e que supoña un acordo de convivencia.

Deixa unha resposta