Marea da Vila insiste na necesidade dun compromiso real para solucionar os problemas de verteduras e a consecuente contaminación das augas municipais

Marea de Vila denuncia a pasividade do goberno con respecto aos frecuentes problemas de verteduras ás nosas augas e pregúntase se se están a realizar xestións para que a Consellería de Medio Ambiente asuma o compromiso anunciado en 2013 dun investimento millonario para sanear e eliminar os problemas de verteduras no noso concello.

A semana pasada tivemos coñecemento dunha sanción de 2.500€ ao Concello de Vilagarcía por parte de Augas de Galicia debido a tres verteduras na Praia de Compostela. Durante os meses de xuño e xullo, Marea da Vila denunciou as constantes verteduras de que é obxecto a praia e a falta de información por parte do Goberno Local ás persoas usuarias. Agora confírmase a gravidade dos feitos, pero descoñécese se o goberno está pensando en solucións. Isto non se limita a pagar as multas, ou corrixir puntuais focos de verteduras. A solución require dun compromiso das distintas administracións competentes, e é responsabilidade do goberno local traballar para que a Consellería de Medio Ambiente asuma ese compromiso.

Cabe recordar que Vilagarcía ten a dubidosa honra de encabezar o ranking de focos contaminantes da comarca. Actualmente hai algunha xestión en marcha por parte do goberno local para que a Consellería asuma o compromiso adquirido no 2013? Temos algún avance ao respecto? Existe algunha vontade de eliminar as verteduras que tamén sofre o río do Con? Que hai respecto da depuradora e o investimento de dous millóns que se precisa para ampliar o complexo depurador? A cidadanía precisa información e un concello proactivo que non se limite a agardar que sexan outras administracións as que dean o paso. Porque está visto que se o concello non toma a iniciativa, seguiremos esperando.

Deixa unha resposta