Marea da Vila reúnese coa mancomunidade de montes de Vilagarcía para coñecer as súas propostas

 

Vilagarcía de Arousa, a 02 de xullo de 2019. Na súa vontade de fomentar a participación e recoller as propostas da veciñanza e colectivos de Vilagarcía, Marea da Vila reuniuse coa Mancomunidade de Montes de Vilagarcía nunha xuntanza na que membros do colectivo expuxeron as eivas e melloras entre as que destacan as seguintes:

-Utilización e desenvolvemento dos recursos baseado en criterios de prevención e non de extinción.

-O continuo retraso no cobro das axudas do Concello destinadas ao desbroce, cuxa xestión burocrática supón que sempre cheguen tarde.

-A aparición de vertedoiros incontrolados son problemas recorrentes e común a todas as comunidades.

-Maior implicación por parte das administracións que favoreza a xestión das comunidades.

“Unha cuestión que preocupa profundamente é a falta de relevo xeracional que pon en risco a continuidade desta figura a longo prazo e é un indicativo dunha sociedade que vive de costas ao monte e o agro, o que provoca o abandono e falta de aproveitamento dos recursos naturais que non só supoñen unha oportunidade económica, senón que ademais forman parte da nosa cultura” comenta a voceira de Marea da Vila, María de la O Fernández González. “Precisamos institucións que se comprometan na defensa dos montes e da súa sustentabilidade, que traballen en colaboración coas comunidades de montes, e que comprendan que recoñecer o seu valor e desenvolvelo supón a maior ferramenta de prevención contra as lumes” sinala María de la O.

 

Deixa unha resposta