Marea da Vila sinala que dotar de wifi os espazos públicos é positivo, pero que antes sería preciso revisar o deficiente sistema de wifi das instalacións municipais.

Vilagarcía de Arousa, a 03 de outubro de 2019. Ante o anuncio dun investimento de 15.000€ a cargo dos fondos europeos do programa “Conectar Europa”, debemos recordarlle ao Goberno Local o deficiente funcionamento das redes wifi dos edificios públicos municipais.

A semana pasada coñecíamos a solicitude por parte do Concello de Vilagarcía dunha subvención de 15.000€ procedentes de fondos europeos correspondente ao programa Conecta Europa, cuxo fin é dotar de zonas wifi os espazos públicos da Vila. Se ben dende Marea da Vila apoiamos iniciativas deste carácter, que segundo informa o propio goberno pretenden, entre outras cousas, corrixir a fenda dixital, debemos sinalar que nestes momentos a rede wifi dos espazos públicos municipais é deficiente, segundo manifestan as persoas usuarias. Como exemplos temos o obradoiro de emprego, o auditorio, ou a propia Casa do Concello, cuxas conexións son intermitentes e dificultan as actividades que se poden desenrolar nestes espazos.

“Cuestión preocupante é a situación da biblioteca, cuxas eivas supoñen constantes reivindicacións por parte das persoas que empregan as instalacións, sen que a calidade da wifi sexa unha excepción”-sinala a concelleira de Marea da Vila María de la O. De feito, en numerosas ocasións, tanto concelleiros do actual goberno como o propio alcalde anunciaron medidas en marcha para resolver este problema. “Ante as protestas sobre a biblioteca, Alberto Varela comentou hai uns meses que se estaba probando un novo sistema noutras dependencias municipais. Descoñecemos se ese sistema se instalou na biblioteca ou en que espazos municipais está a funcionar. O caso é que aínda recibimos queixas respecto da wifi tanto a da biblioteca como outros edificios municipais”-continúa a voceira do Grupo Municipal.

Ademais, acollemos positivamente a mensaxe que se traslada respecto desta subvención no senso de que contribuirá a combater a fenda dixital, é por elo que “dende Marea da Vila consideramos importante que o goberno clarifique cal é o seu plan respecto á implantación da rede wifi de acceso libre no rural. Posto que entendemos as dificultades que isto entraña e descoñecemos cal é a idea do goberno, máis alá do anunciado na prensa”-insiste María de la “queremos políticas que vaian máis alá dos titulares, e tras a solicitude da subvención precisamos planificación. Temos o exemplo de que, sen supervisión e por falta de vontade política, a actual wifi nos edificios públicos é deficiente. Primeiro corrixamos as eivas actuais, para logo impulsar a wifi de acceso libre noutros espazos públicos e finalmente dotemos á veciñanza de ferramentas formativas que lles axuden a superar a fenda dixital, especialmente no rural e nas persoas maiores”-remata a concelleira de Marea da Vila.

Deixa unha resposta