Organización

Esquema funcionamento Marea da Vila

Asemblea: A asemblea é o órgano soberano de Marea da Vila e reunirase unha vez ao mes de maneira ordinaria. A poder ser e co fin de facilitar a conciliación das persoas participantes, durante a celebración da mesma, designarase a data da asemblea seguinte.

A asemblea tamén poderá ser convocada de maneira extraordinaria a proposta razoada da Coordinadora, cuxa convocatoria farase en nome dos Grupos de Traballo.

Grupos de traballo: Durante o período entre asembleas, Marea da Vila estruturarase en Grupos de Traballo a través dos cales se facilitará ás persoas que forman parte da asemblea a participación nas distintas actividades, reunións, elaboracións etc. Os grupos de traballo terán a autonomía imprescindible para garantir a operatividade do proxecto, non obstante deben render contas dos seus avances á asemblea. As inscritas que queiran participar nas tarefas e no desenvolvemento activo de Marea da Vila, deberán facelo participando, polo menos, dun grupo de traballo. A participación nos grupos de traballo é aberta ás inscritas. As persoas inscritas poden participar nun ou máis grupos de traballo.

Os grupos de traballo terán dúas persoas dinamizadoras que son as que se encargarán de impulsar as reunións e tarefas do grupo, escoitando e respondendo ás cuestións que formulen as persoas que participan nos mesmos.

Os grupos de traballo de partida serán tres: Comunicación e redes, Programa e Municipalismos, Participación e organización. Poderanse engadir novos grupos de traballo segundo as necesidades que se detecten durante o desenvolvemento do proxecto. A asemblea poderá establecer a necesidade de crear máis grupos de traballo se así se requirise.

Ademais, cada grupo de traballo designará tres persoas que formarán parte da coordinadora en representación dos grupos de traballo. Se o número de grupos de traballo aumentase estes pasarán a designar 2 persoas para asistencia á coordinadora con fin de que esta non supere as 15 persoas.

Cada grupo de traballo decidirá a fórmula de designación/substitución dos seus representantes na coordinadora.

Coordinadora de Grupos de traballo: Por cuestións de operatividade entre asembleas, nomearase unha coordinadora que actuará de correa de transmisión entre os grupos de traballo. A coordinadora estará formada por tres persoas de cada grupo de traballo que serán as responsables de trasladar as demandas e necesidades de funcionamento dos grupos de traballo. Estas persoas deberán informar dos debates e as decisións tanto aos grupos de traballo como á asemblea. A coordinadora non é un órgano executivo nin decisorio, senón un órgano por delegación da asemblea e en representación dos grupos de traballo.

Será función da coordinadora garantir os dereitos de reunión e convocatoria das inscritas en asemblea, facilitando mecanismos de autoconvocatoria cando transcorra un mes dende a derradeira asemblea celebrada sen designar unha data para unha nova reunión.