Por unha Marea na Vila pídelle ao Goberno Local responsabilidade ante o problema de calidade nas nosas augas debido á frecuencia das verteduras e que informe de maneira veraz

Vilagarcía de Arousa a 30 de xullo de 2018. O pasado xuño, Por unha Marea na Vila denunciou a pasividade do Goberno Local ante a contaminación por e.coli que se rexistrou na Praia de Compostela e a falta de información por parte do Concello ás persoas usuarias, limitándose o Goberno Local a admitir o seu descoñecemento respecto á orixe da vertedura e a comunicar uns días despois que os niveis de contaminación baixaran. Consideramos que esta información é insuficiente e propia dun goberno que se limita a ver pasar os problemas en vez de atallalos. Para máis inri, hoxe constatamos como o goberno xoga a facerse trampas ao solitario, coa colocación dun panel informativo de pequeno tamaño con indicadores moi favorables se os comparamos cos que publica a páxina do Sergas, na que si podemos comprobar os datos do 25 de xuño coincidindo coa vertedura que fixo que as augas foran desaconselladas para o baño.

Cremos que as continuas verteduras, tanto ao río como ás praias, constitúen un problema ecolóxico e de saúde pública, que, se ben é complexo, precisa de vontade e coordinación por parte das distintas institucións para a súa solución. Pero, a pesar da súa complexidade, o que nos parece inadmisible é que o Goberno Local adultere a información para obviar un problema, porque un goberno responsable non se pode limitar a pechar o nariz ata que pase.

Deixa unha resposta