Marea da Vila pregunta no Parlamento Galego sobre o compromiso de investimento para o saneamento e a EDAR de Vilagarcía

O deputado Marcos Cal trasladará ao Parlamento Galego, a petición de Marea da Vila, unha serie de preguntas encamiñadas a coñecer os plans da Xunta respecto aos compromisos adquiridos no 2016 para corrixir os problemas da rede de saneamento e da EDAR (estación depuradora de augas residuais).

No 2016, segundo a publicación no Diario Oficial de Galicia respecto ao Plan Hidrolóxico de Galicia, a Xunta tiña prevista unha inversión na redes de saneamento e depuración do Concello de Vilagarcía de 9.066.966 euros para o período comprendido entre 2016-2021, estimando á baixa o compromiso de 11 millóns de euros adquirido en 2013 polo conselleiro de política territorial Agustín Hernández co anterior alcalde Tomás Fole, compromiso que nunca chegou a levarse a cabo.

Para o presente ano 2019, as inversións estimadas por Augas de Galicia ao respecto son as seguintes:

-127.986€ para a mellora da capacidade do EDAR de Vilagarcía.

-203.654 € para a mellora do sistema de saneamento e depuración na Ría de Arousa-Vilagarcía.

Á vista está que as cantidades consignadas pola Xunta distan moito das cifras de inversión previstas para o período 2016-2021, e, en consecuencia, as deficiencias na rede de saneamento e a falta de capacidade da EDAR supoñen un problema ecolóxico e de saúde pública, polas continuas verteduras tanto á Ría de Arousa como ao Río do Con. Ademais dun prexuízo económico debido a investimentos urxentes por parte do concello para corrixir os problemas puntuais que van xurdindo, e ás distintas sancións impostas por Augas de Galicia polo problemas das verteduras.

Preguntada por unha recente sanción debido a unha vertedura á praia de Compostela no pasado verán a propia Xunta resposta:

Na inspección realizada por Augas de Galicia en data de 26 de xuño de 2018, na que se constatan os vertidos denunciados, faise constar que se trata de vertidos procedentes da rede municipal de evacuación de augas pluviais. En consecuencia, o vertido debe proceder de conexións erróneas das instalacións de saneamento municipais á rede de pluviais.

Ademais da dita inspección foron tamén constatados vertidos á praia de Compostela nas inspeccións realizadas por técnicos de Augas de Galicia con data de 16 e 17 de xullo de 2018”.

Dende Marea da Vila consideramos que as actuacións do goberno local son só parches que á larga saen máis caros e non resolven o problema, polo tanto, pedímoslle a Alberto Varela que se sume ás xestións promovidas por Marea da Vila co fin de que a Xunta asuma o seu compromiso. Como expresa a nosa candidata á alcaldía María de la O Fernández González “este problema só se resolve afrontándoo de maneira global e co compromiso entre as administracións competentes. En Vilagarcía estamos fartas de vivir coas consecuencias da falta de entendemento entre institucións, sufrímolo coa disputa entre Portos e o Concello, e esa falta de entendemento é a culpable de que non se solucione un problema ecolóxico e de saúde pública como é o do saneamento”.

Ademais, as persoas de Marea da Vila non queremos pasar por alto que no 2013 a consellería e o PP de Vilagarcía encabezado por Tomás Fole anunciaron un investimento de 11 millóns de euros que quedou en papel mollado. Segundo declaracións de María de la O “onde estivo o PP de Vilagarcía durante estes anos que non se lle coñecen xestións encamiñadas a que a Xunta asuma o investimento comprometido? Ou o compromiso da Xunta era só cun concello gobernado polo PP e non coa cidadanía?” En todo caso, a Marea da Vila non nos sorprende o comportamento do PP, “estamos acostumadas a que o PP antepoña os intereses de partido aos intereses da xente. Acabamos de ver como o PP presidido por Alfonso Gallego foi o único partido que non presentou alegacións ao proxecto de Plan de Transporte da Xunta que claramente prexudicaba a Vilagarcía e a nosa contorna. Tamén vimos como o PP de Vilagarcía se puxo de perfil ante as mobilizacións pola área sanitaria e as distintas reivindicacións sobre a sanidade pública. Sobran ocasións que amosan como o PP antepón o partido ao pobo”.

Deixa unha resposta