Marea da Vila propón ao resto de forzas políticas facer unha fronte común para reclamar que a Xunta cumpra co investimento en saneamento ao que se comprometeu no 2013

Vilagarcía de Arousa, a 05 de abril de 2019. Acabamos de coñecer un novo episodio relacionado coa rede de saneamento de Vilagarcía, ademais doutra das frecuentes verteduras ao Río de Con. Dende Marea da Vila consideramos que este problema debería ser prioritario na axenda política vilagarciá, por iso levamos presentando distintas iniciativas ao Parlamento de Galicia, ademais de preguntas e comunicados nesa mesma liña. O problema do saneamento e da EDAR de Vilagarcía só se resolverá cando a Xunta asuma o investimento comprometido no 2013 co anterior alcalde Tomás Fole, ou os 9 millóns que cifrou á baixa no 2016 e cos que se comprometeu co actual goberno socialista. Pero vemos pasar os anos, e nada sabemos desas inversións.

A raíz disto, e dado que estamos nas proximidades dun novo proceso electoral, dende Marea da Vila estendemos a nosa preocupación pola deficiente rede de saneamento ao resto de forzas políticas que participarán no mesmo, pedíndolles que asuman como medida programática a nosa proposta de facer unha fronte común para instar á Xunta de Galicia a que licite as partidas comprometidas para a mellora do saneamento e acabar dunha vez cos problemas de verteduras. Estamos ante un grave problema de saúde pública que ademais comporta sancións e prexuízos económicos ao noso concello.

Acabouse o tempo dos parches”, afirma a candidata á alcaldía María de la O Fernández González, “insistimos na necesidade dun compromiso global, e pedímoslle tanto ao Goberno Local como ao Goberno da Xunta que deixen de facer un uso partidista das institucións e pensen nos intereses de Vilagarcía”. Dende Marea da Vila recriminámoslle ao PP que non fixera ningunha xestión encamiñada a que a Xunta asumira o investimento comprometido, “parécenos fora de lugar gravar vídeos denunciando verteduras cando o seu partido na Xunta adquiriu un compromiso que non está a cumprir. Entendemos que o compromiso non era con Tomás Fole, senón con Vilagarcía, pero se o PP de Vilagarcía considera que non é así, o honesto sería que o admitiran”, continúa María de la O.

Dende Marea da Vila consideramos que o Goberno Local non foi o suficientemente incisivo respecto a esta problemática que afrontou máis a golpe de titulares que de xestións concretas. Despois da reunión de febreiro de 2016, a súa prioridade foi a das políticas estéticas e de ladrillo e non xestionar a cuestión do saneamento na súa amplitude. O propio PSOE sabe que os investimentos e cambios que está afrontando de maneira puntual son insuficientes e eses 2.000.000 no que cifra estas melloras están moi lonxe da inversión que precisa Vilagarcía” explica María de la O.

As persoas de Marea da Vila pesamos que existen outras formas de facer as cousas, poñendo o compromiso coa cidadanía por riba dos compromisos coas siglas, por iso insistimos na nosa petición ao resto de forzas políticas para combater esta cuestión de maneira colectiva, e que mellor forma que un acordo plenario por unanimidade despois das eleccións de maio para instar á Xunta a que dunha vez por todas asuma as inversións comprometidas para o período 2016-2021 das que ata agora pouco soubemos.

Deixa unha resposta