PROPOSTA PARA A CREACIÓN DUN CONSELLO DA MEMORIA DEMOCRÁTICA MUNICIPAL

Exposición de motivos

A transición democrática foi un período de avances importantes pero non trouxo consigo a obrigada reparación e recoñecemento da memoria das vítimas do Franquismo. Para corrixir isto, no 2007 aprobouse a Lei de Memoria Histórica, cuxo cumprimento está a levarse a cabo de maneira desigual, debido a distintas razóns, entre elas a falta de orzamento durante algunha das últimas lexislaturas.
A pesar de ser unha lei de competencia estatal, a Lei de Memoria Histórica precisa do acompañamento doutras institucións para a súa aplicación integral. No caso de Vilagarcía, aínda persisten símbolos do Franquismo en recoñecidos espazos públicos (como a cruz de grandes dimensións que preside a Igrexa Parroquial e na que se homenaxea aos membros do bando nacional e a José Antonio Primo de Rivera) ademais de que nomes de figuras da ditadura continúan a formar parte do noso rueiro. Co fin de avanzar no cumprimento da lei, durante este mandato constituíuse unha comisión de seguimento, da que forman parte os distintos partidos con representación municipal, que acordou a necesidade de modificar o rueiro. Esta tarefa decidiuse realizar con unha asistencia técnica privada con ningún resultado polo de agora posto que o seu contrato non se ultimou ate o pasado mes de febreiro.
Dende Marea da Vila consideramos que a reparación da Memoria Histórica non debe limitarse a actuacións institucionais nin de partidos políticos, senón que debemos involucrar ao conxunto da sociedade neste proceso que interpela á memoria colectiva. En Vilagarcía existen entidades que traballan en prol da memoria cuxa experiencia debería formar parte na reflexión colectiva. Tamén persoas con coñecementos técnicos, estudosas deste período escuro da nosa historia, e veciñas e veciños que atesouran unha memoria oral do mesmo que debemos preservar.

Proposta

Marea da Vila propón a creación dun ente consultivo que se denominará Consello da Memoria Democrática e estará estruturado de tal maneira:
-Membros dos partidos políticos con representación municipal.
-Representantes de colectivos cuxa actividade xire en torno á reparación da memoria das vítimas do Franquismo.
-Persoas cuxa traxectoria as avalíe como coñecedoras deste período, tanto polos seus coñecementos técnicos pola súa condición de persoas .
– Persoas ou entidades que sexan de interese pola a súa aportación na materia

Obxectivos

Os obxectivos do Consello da Memoria Democrática son os seguintes:
-Supervisar e realizar informes sobre as políticas para a reparación da memoria levadas a cabo polo Concello.
-Revisar a evolución da modificación do rueiro de Vilagarcía co fin de dar cumprimento á lei.
– Promover espazos de estudo e debate co fin de que as distintas xeracións poidan ser partícipes do coñecemento e a reflexión sobre este período.
-Impulsar e coordinar as actividades con outras administracións e entidades que traballen na consecución de obxectivos de recuperación da memoria democrática.
-Estudar a posibilidade de creación dunha oficina de atención ás vítimas para o asesoramento e acompañamento das mesmas nos distintos procesos que queiran levar a cabo.
-Involucrar á cidadanía na necesidade de cumprimento da lei e facilitar a súa adaptación aos cambios que a súa aplicación implique.

Deixa unha resposta