Que sucede co transporte público na vila?

Que sucede co transporte público?

Marea da Vila valora positivamente que a Xunta atendese algunhas das nosas peticións, pero considera a corrección insuficiente e invita a facer unha reflexión sobre todo o proceso.

Vilagarcía de Arousa, a 6 de Marzo de 2019

Vimos de ler na prensa que a Xunta de Galicia da marcha atrás nunha das medidas máis prexudiciais do se plan de transporte para a comarca do Salnés : a de converter a parada do Cavadelo na estación de autobuses de facto de Vilagarcía, o que ademais de provocar serios problemas de circulación no centro, deixaría de lado a infrautilizada estación de autobuses e imposibilitaría a intermobilidade co tren. Segundo argumentos da Xunta, a proposta orixinal foi debida a un erro cos códigos das paradas.

Esta escusa, que nos resulta difícil de crer, lévanos a facer a seguinte reflexión: de que se trata realmente?, dun erro de incompetencia que deriva na toma dunha mala decisión? ou estamos en realidade diante dunha neglixencia profesional que leva a este tipo de propostas disparatadas? Ambas opcións son de evidente gravidade.Eu

“Despois de todo, preferimos non pensar no que tería pasado de non presentar as alegacións. Acabamos de evitar un posible colapso do centro e a morte da intermodalidade”, di Andrea Obenza, número dous do partido. “Por sorte ante a incoherencia do Plan, sumáronse outras forzas ás nosas alegacións, en apoio das nosas propostas e do noso traballo, algo que agradecemos, ó final do que se trata é de acadar melloras para todas”

Pero o máis preocupante, é a reflexión sobre todo o proceso de elaboración do proxecto. En que se basearon? Alguén se molestou en lelo antes de o publicar? Ou acaso o seu método de traballo consiste en facer un copia e pega do ano pasado, engadir un par de modificacións ó chou, e esperar a que voluntarios, no noso tempo libre, leamos ese proxecto para identificar eses erros, algúns pequenos, algúns xigantes?

Marea da Vila presentou en Abril de 2018 unha moción no concello de Vilagarcía para a realización dun plan comarcal de transporte público, que foi aprobada por unanimidade. A primeira petición que se facía era a creación dunha Mesa para o Diálogo do Transporte Público. Neste sentido, o Concello debería ter levado a cabo o acordado, para evitar que se producisen erros como os que tan gravemente estiveron a piques de nos afectar a este nivel.

Por que non se creou esa mesa? Por que a Xunta se nega a recoller a información de primeira man das nosas necesidades reais de transporte?

Onde están as liñas para ir ás praias no verán?

Onde están os paneis informativos nas paradas de autobús?

Onde está a intermodalidade para a xente que querería ir traballar en tren tódolos días?

Onde están as esixencias de accesibilidade ó transporte público?

Onde está o acceso á información das liñas por páxina WEB e aplicación móbil? Este caso é especialmente chamativo, porque existe unha aplicación móbil do Transporte Público de Galicia que está a funcionar nalgúns concellos. Por que non en todos?

Tendo en conta todo isto, e se lle sumamos os graves erros nos horarios das liñas (algunhas cuns tempos imposibles), os espazos en branco nos requirimentos tecnolóxicos ou de accesibilidade, nos leva a unha conclusión: á Xunta non lles importa o máis mínimo as necesidades de mobilidade dos veciños da comarca.

Andrea conclúe: “Estamos a piques de perder unha oportunidade para vertebrar a nosa comarca, e moito me temo que nos imos hipotecar por un mínimo de 10 anos cun proxecto do que non sabemos cantos “erros nas codificación da base de datoslle quedan por depurar.”

Deixa unha resposta