Quen somos?

Quen somos?

Manifesto fundacional da Marea da Vila

PULSA para asinar este manifesto

A Marea da Vila é a expresión política dunha intención, a construción dunha alternativa para as xentes de Vilagarcía de Arousa dende as xentes da vila. Este é o xermolo do noso espazo: identidade propia, municipalismo e vocación cidadá.

A crise que se cebou con violencia coas clases desfavorecidas e precarizou a maioría social, deixou á vista as costuras dun sistema no que os beneficios se reparten entre unhas poucas mans mentres se socializan as perdas. Neste contexto, vimos concretarse a indignación cidadá co xurdimento do 15M e asistimos á transformación desa indignación en proposición, coa aparición de novas realidades electorais, a reactivación dos movementos sociais e a reacción dos espazos municipais que en 2015 acadaron gobernos nas máis importantes vilas galegas. Organizacións políticas e persoas a título individual souberon ler esta nova realidade na que as xentes do común somos as protagonistas.

Asemade, movementos veciñais, asociacións, plataformas e todas aquelas formas de organización nas que a cidadanía se agrupa, continúan a exercer o seu papel fundamental na defensa do común, do que se pensa xusto e necesario para un presente e un futuro de todos e todas e para todas as persoas. Recoñecémonos como suxeitos políticos, activos e organizados. Deste modo facemos nosa unha das principais achegas do feminismo: “o persoal é político”.

É por isto que traballamos:
   Por unha vila das persoas

Na que a cooperación sexa o piar que a sustente, creando redes e tecido cidadán que nos permitan medrar e afrontar colectivamente os retos pendentes sen deixar a veciñanza atrás. O benestar da xente debe ter prioridade nos investimentos económicos construíndo, así, unha vila accesible e vivible que se sustente na remunicipalización dos servizos públicos e con impostos progresivos e xustos coas rendas de cada familia.

  Por unha vila transparente e participativa

Un concello con paredes de vidro, transparente na xestión e o funcionamento, no que a cidadanía sexa escoitada e dispoña de ferramentas de participación. A democracia non pode exercerse só cada catro anos.

Por unha vila feminista e diversa
Libre de violencias machistas que incorpore a vivencia das mulleres no modelo de cidade.
Unha vila onde cadaquén sexa libre de ser e de decidir.

Por unha vila con emprego

Favorecendo o apoio ao pequeno comercio, ás traballadoras e aos traballadores autónomos e ás pequenas empresas. Unha vila na que a cidadanía teña empregos dignos e de calidade.

Por unha vila que aposte pola economía social

Na que prevalezan as persoas e o obxecto social sobre o capital, orientando o modelo
económico cara á cohesión social, o crecemento innovador, sostible e integrador, e á creación de emprego de calidade. É tempo de que a economía poña no centro as persoas.

Por unha vila descentralizada
Na que se planifiquen, deseñen e executen políticas para toda a cidadanía, pois non existen persoas de primeira e de segunda dependendo de se viven nos barrios, nas parroquias ou no centro urbano.

  Por unha vila sostible, con patrimonio natural
Na que o respecto e a defensa ao noso patrimonio natural sexa un eixe das políticas e así garantir o futuro dun concello que loite por coidar e conservar o seu Medio.

  Por unha vila que respecte os seus valores culturais
Orgullosa da súa identidade, reivindicándoa e visualizándoa, poñendo en valor o seu patrimonio cultural, material e inmaterial, e que recoñeza a súa historia.

  Por unha vila laica
Fundada na liberdade de conciencia, sen apoiar a ningún culto ou relixión.

  Por unha vila como proxecto de vida
Xerando as posibilidades para que a mocidade poida desenvolver aquí a súa vida con emprego e vivenda, ofrecéndolle un lecer saudable e de calidade, afastado das adiccións,  con actividades culturais e deportivas coas que satisfacer as súas inquedanzas.

Este é un proxecto a longo prazo, pensado non para quen queira manterse no poder  senón para a cidadanía. Porque non queremos modelos urbanos de malgasto que só buscan deixar pegada, propoñemos unha nova forma de facer que deixe pouso, que pase dunhas mans a outras, da que todas as persoas sexamos partícipes, as que somos e as que serán; na que, en definitiva, todas sexamos marea.