Código Ético

CÓDIGO DE ÉTICA POLÍTICA
Preámbulo

Este documento recolle unha serie de prácticas e accións concretas que as persoas que formen parte do espazo político da Marea da Vila e as persoas que ocupen cargos electos,
xerenciais e de designación política deberán cumprir para asegurar unha xestión política comprometida e próxima á cidadanía, con mecanismos eficaces de transparencia no financiamento e rendición de contas, democráticos e populares, e con espazos reais de participación e decisión cidadá nos asuntos públicos.

Formúlanse diversos compromisos e medidas que teñen como obxectivo garantir que as persoas que traballan neste espazo e as que nos representan poidan dedicar o tempo necesario á xestión política e ás funcións públicas e, ao mesmo tempo, rematar cos privilexios dos que, durante moitos anos, gozou boa parte da clase política, e que provocaron un grave afastamento dos intereses da cidadanía.

Esta declaración de ética política parte da confianza e o compromiso que as persoas que integran A Marea da Vila manteñen entre elas e en especial con aquelas que ocuparán un cargo de responsabilidade pública, ademais de significar un mecanismo de
apoio, supervisión e control á súa tarefa.

As persoas que ocupen cargos públicos baixo o mandato deste Código de Ética Política
comprométense a impulsar os instrumentos e mecanismos legais necesarios para que estes principios éticos se convertan en norma obrigatoria para todas as persoas na administración municipal.

Este Código Ético quere ser flexible, dinámico e conciso. A Marea da Vila traballará nun regulamento que concrete e faga operativos os principios deste documento; este regulamento incorporará mecanismos para a súa correcta implantación.

Os principios recollidos neste Código Ético comprometen todas as persoas que participan na Marea da Vila, así como as que ocupen cargos electos, xerenciais e de designación política, tanto no Concello de Vilagarcía de Arousa como noutras institucións provinciais – públicas e semipúblicas– onde o Concello ten participación financeira e nos espazos de toma de decisións.

Das persoas que forman parte do espazo político da Marea da Vila

Todas estas persoas comprometémonos a:

Defender a aplicación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos nos ámbitos social, político e institucional da nosa sociedade.

Comprometémonos a desenvolver mecanismos para a conciliación entre a vida persoal e laboral de todas as persoas que formamos parte do espazo, facilitando a participación e tendo presente sempre que os coidados deben ser colectivos. Traballamos por unhas formas de facer política que poñan as persoas no centro.

A Marea da Vila comprométese a facilitar a conciliación da vida política e laboral dos seus cargos electos, persoal de confianza e cargos directivos, axudando no posible á súa reinserción na vida laboral unha vez abandonadas as súas responsabilidades, así como a facilitar a conciliación entre a vida persoal e a política.

Non poderán formar parte do espazo aquelas persoas imputadas pola xudicatura por delitos relacionados con corrupción, prevaricación con ánimo de lucro, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno, malversación e apropiación de fondos públicos, ben sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas. Así como tamén en casos de acusación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos contra os Dereitos Humanos, os dereitos das persoas traballadoras e delitos ambientais e por maltrato animal.

Tampouco poderán pertencer a este espazo aquelas persoas con sentenzas por acoso
e/ou agresión físicas en espazos de encontro político, sindical ou social.

1. Democratización da representación política, fiscalización e rendición de contas

1.1. Defender o establecido no programa político da candidatura e actuar como representantes coa obriga de seguir as decisións tomadas nos mecanismos democrático se abertos a toda a poboación que fixe a candidatura, promovendo a corresponsabilidade política de todas persoas.
1.2. Facer públicas as axendas das persoas representantes. Faranse públicas tamén as ordes do día e as actas das reunións agás nos casos que a lei o impida ou que a súa divulgación afecte a dereitos individuais das persoas.
1.3. Facer pública a declaración de bens antes, durante (metade de mandato) e posteriormente á súa actividade como representante.
1.4. Facer públicos os criterios e causas de contratación dos cargos de libre designación así como a rendición de contas igual cós cargos electos, da súa actividade. Promovendo a redución destes cargos e que en ningún caso poida haber conflitos coa actividade dun funcionario. Todas as persoas contratadas deberán facer públicas as súas declaracións de bens de igual xeito que as persoas representantes.
1.5. Render contas das súas actuacións ante a cidadanía, mediante instrumentos presenciais e virtuais, asemblearios, democráticos e abertos a todas as persoas. A información presentarase sempre nun formato aberto que permita traballala.
1.6. Aceptar a censura (e revogación, no seu caso) de concelleiros e concelleiras e cargos de libre designación por mala xestión ou por incumprimento flagrante e non xustificado do programa. Para que isto sexa posible, estableceranse mecanismos de garantía e avaliación da xestión das persoas con cargos públicos da candidatura.
1.7. Non acceder durante un período, mínimo de 3 anos, a cargos de responsabilidade en empresas que fosen beneficiarias dun contrato municipal, dentro do ámbito e/ou sector onde desenvolveu a súa función representativa, agás nos casos en que proveña dese mesmo sector previamente ao desempeño do cargo público.
1.8. Manter xuntanzas periódicas co movemento asociativo e con colectivos que se atopan en situación de vulnerabilidade social, dar resposta ás súas propostas e favorecer a súa participación na toma de decisións, así como atender as indicacións dos informes técnicos das persoas da administración que traballen coordinadamente con estes colectivos e entidades
1.9. Garantir a participación da cidadanía na toma de decisións relevantes e no posicionamento político da candidatura sobre temas estratéxicos e proxectos de impacto social, ambiental ou urbanístico, tendo en conta os principios de subsidiariedade e solidariedade. Todas as persoas que ocupen cargos electos e de designación comprométense a impulsar e apoiar todas as iniciativas cidadás propostas a través do marco legal vixente ou no marco da candidatura.
1.10. Crear ou desenvolver, no seu caso, estruturas de participación e representación política, estables e periódicas, coa cidadanía no marco dos diferentes ámbitos ou áreas de goberno.

2. Financiamento, transparencia e xestión dos gastos

A candidatura comprométese a:

2.1. Ser transparente na súa xestión, publicando desagregados todos os datos referentes aos ingresos e gastos, que xestionará en contas de entidades de economía social e solidaria.
2.2. Pór un tope máximo ás doazóns privadas de acordo co establecido na lei
2.3. A renuncia explícita aos créditos bancarios e ás doazóns de particulares que poidan coartar a independencia política da candidatura. A candidatura terá un compromiso explícito de traballar coas institucións da banca ética para garantir a súa independencia
e a coherencia co seu programa.
2.4. Apostar claramente por unha limitación drástica do gasto en campaña electoral.
2.5. Fomentar o micromecenado finalista, é dicir, o pequeno mecenado destinado a accións e necesidades concretas.
2.6. Non utilizar fundacións ou entidades xurídicas para financiarse con recursos e mecanismos pouco transparentes, e con obxectivos diferentes aos da candidatura.
2.7. A introdución de sancións administrativas e penais efectivas en caso de financiamento irregular.
2.8. A candidatura fará un uso do financiamento coherente con este código ético e os seus valores, realizando achegas puntuais e finalistas encamiñadas a fortalecer o tecido asociativo (sen xerar dependencias ou clientelismos).

3. Profesionalización da política, supresión de privilexios e medidas contra a corrupción

As persoas con cargos electos, xerenciais e de libre designación comprométense a:

3.1. Renunciar aos agasallos e privilexios que se lles poidan ofrecer pola súa condición e que poidan significar un trato de favor.
3.2. Non duplicar cargos nas institucións, agás aqueles vinculados á súa condición de concelleira/o.
3.3. Non duplicar soldos (de máis de un organismo público ou do mesmo organismo varias veces), nin cobrar remuneracións extras para asistir a reunións vinculadas coa súa condición de concelleira/o.
3.4. Limitar o seu mandato a dúas lexislaturas consecutivas, ampliable excepcionalmente a unha terceira tras un proceso de discusión e validación cidadá.
3.5 Adherirse á limitación salarial que se estableza no programa municipal.
3.6. Compromiso de renuncia ou cesamento de forma inmediata de todos os cargos, ante a imputación pola xudicatura de delitos relacionados con corrupción, prevaricación con ánimo de lucro, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno, malversación e apropiación de fondos públicos, ben sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas. Así como tamén en casos de acusación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou
outros delitos contra os DD. HH. os dereitos das persoas traballadoras e delitos ambientais e por maltrato animal. A Asemblea poderá acordar non impoñer as sancións contidas no presente Código Ético a aqueles cargos electos, xerenciais e de designación política que sexan imputados, por razón do seu cargo, se as causas da devandita imputación obedecen a actuacións derivadas do cumprimento estrito das medidas contempladas no programa electoral, en cumprimento dos estatutos de Marea da Vila, por causa dunha acción política autorizada expresamente pola Asemblea de Marea da Vila ou polo mandato popular froito dos procesos participativos cidadáns.
3.7. Publicar e xustificar debida e documentalmente as compensacións polos gastos de transporte –preferentemente público–, así como de aloxamento e alimentación
ocasionados pola súa actividade pública. De pagárense dietas superiores ás xustificadas o exceso quedará incluído na masa que será doada a Marea da Vila. En ningún caso se poderán cobrar dietas e asignacións para gastos de viaxe superiores ás establecidas como exentas de tributación na normativa tributaria.
3.8. Facer un bo traslado da información e de coñecemento (sen remuneración), seguindo un protocolo acordado por Marea da Vila.
3.9. O conxunto da candidatura comprométese a:

  • Facilitar a conciliación da vida política e laboral dos seus
    cargos electos, persoal de confianza e cargos directivos.
  •  Incorporar a perspectiva de xénero en todas as súas iniciativas e actuacións
    municipais
  • Pór como prioridade máxima na súa actuación municipal a defensa da dignidade
    das persoas, por diante de calquera outro interese: as persoas e a cidadanía por
    diante de todo, de acordo cos valores cívicos e democráticos, os Dereitos
    Humanos e a Cultura da Paz

4.Disposicións adicionais

4.1. Financiamento: Será a Asemblea a que decidirá o uso que se fará do financiamento
que perciba a candidatura, o cal se incorporará ao presente documento unha vez
aprobado.
4.2. Consultas vinculantes: Tamén será a Asemblea a encargada de determinar que
elementos levarán á consulta directa e vinculante, e quedará engadido ao texto do
mesmo xeito que na disposición anterior.
4.3.Os cargos electos de Marea da Vila, así como o persoal de confianza e cargos
directivos, comprométense a promover a igualdade no exercicio das súas funcións,
combatendo calquera forma de racismo, xenofobia ou discriminación por razón de
xénero ou orientación sexual, así como a favorecer a participación política dos colectivos
desfavorecidos.
4.4.Os cargos electos de Marea da Vila, así como o persoal de confianza e cargos
directivos, explicitarán calquera conflito de intereses no desempeño das súas funcións
e absteranse de intervir en calquera deliberación ou toma de decisións cando concorran
estas circunstancias.
4.5.Os cargos electos de Marea da Vila, así como o persoal de confianza e cargos
directivos, comprométense a non neutralizar nin debilitar as institucións ou a actividade
dos movementos sociais e a cidadanía organizada.
4.7. Os cargos electos de Marea da Vila deben coñecer a lingua galega ao mesmo
tempo que se comprometen a defendela e empregala nas súas intervencións públicas.

5. Modificación do documento de participación e Código Ético:

O presente documento, unha vez aprobado, poderá ser modificado pola Asemblea
seguindo o protocolo de toma de decisións establecido pola mesma para A Marea da Vila.