Regulamento de primarias

Ratificación/elección de candidaturas de Marea da Vila para as eleccións municipais do 2019

Votacións

Realizaranse dúas ratificacións/eleccións independentes pero simultáneas:

  • Cabeza da lista electoral.

  • Composición da lista electoral dende a 2º posición en adiante.

Poderán votar as persoas inscritas en Marea da Vila, que tivesen realizado a súa inscrición antes da data de proclamación oficial das candidaturas.

O proceso de eleccións será xestionado por un comité electoral formado por 3 persoas que non poderán ser precandidatas en ningunha das eleccións. A persoa responsable do censo facilitaralles o acceso ó mesmo para poder realizar as xestións necesarias para a celebración o proceso de ratificación/elección.

Cabeza de lista

A persoa que ocupará o primeiro posto na candidatura municipal será elixida nunha votación independente, na que se poderá votar a unha precandidata de entre as que se presenten para encabezar a candidatura de Marea da Vila ás eleccións municipais.

Para participar nesta elección serán requisitos:

  • Ser unha persoa inscrita en Marea da Vila.

  • Contar co aval de 10 persoas inscritas en Marea da Vila.

NOTA1: Unha persoa precandidata á cabeza de lista poderá ser tamén precandidata nas primarias para a elaboración da lista. Neste caso deberá facelo constar.

NOTA2: Una persoa inscrita en Marea da Vila poderá avalar a varias precandidatas.

Funcionamento

Cada persoa inscrita en Marea da Vila poderá elixir a unha persoa precandidata. A persoa que encabece a lista será a persoa aquela que acade máis votos.

Lista electoral

Este proceso de ratificación/elección empregarase para elixir as persoas que conformarán a lista electoral de Marea da Vila dende o 2º posto en adiante.

Para participar nesta elección será requisito:

  • Ser unha persoa inscrita en Marea da Vila.

  • Contar co aval de 2 persoas membro inscritas de Marea da Vila.

NOTA1: Unha persoa poderá avalar a varios persoas precandidatas e/ou candidaturas.

Os precandidatos poderán organizar a súa proposta en listas compostas por un mínimo de 11 persoas e un máximo de 15 alternando homes e mulleres/ mulleres e homes na súa composición. Será posible presentarse de xeito independente. Unha mesma persoa non poderá formar parte de máis de unha candidatura. Si se opta por presentarse nunha candidatura non poderá facerse de xeito individual.

Funcionamento

Na ratificación/elección poderán participar todas as persoas inscritas en Marea da Vila. O proceso de ratificación/votación realizarase mediante listas abertas ponderadas, para isto realizarase o seguinte proceso:

A votación realizarase co seguinte procedemento:

  • Votaranse as persoas precandidatas de xeito independente, podendo votar entre 1 e 16 candidatos como máximo. Poderanse votar precandidatas de diferentes listas.

  • As precandidatas serán elixidas cunha orde, asignando valores dende o 1 (o máis prioritario) en adiante.

  • Se nunha papeleta se elixen 0 candidatos, se considerará voto en branco.

  • Si se votan máis de 16 persoas candidatas ou se lle asigna a mesma preferencia a máis de unha candidata, será un voto nulo.

  • Os números asignados deben ser consecutivos, sen se repetiren, e comezando polo 1. En caso contrario o voto será nulo.

  • Nas votacións deben alternarse mulleres e homes ou homes e mulleres non podemos votar a máis de 8 persoas do mesmo sexo.

Reconto

Para contar os votos, empregarase a seguinte fórmula:

A cada persoa precandidata concederánselle unha serie de puntos en función do orde de preferencia que se lle asignou en cada papeleta válida. Os puntos en función da orde de preferencia son os seguintes:

Posición votada na papeleta

Puntos asignados

1

15

2

14

3

13

4

12

5

11

6

10

7

9

8

8

9

7

10

6

11

5

12

4

13

3

14

2

15

1

16

0

Se aplicarán as seguintes correccións:

  1. A persoa precandidata que saia elixido cabeza de lista será eliminado para as seguintes posicións da lista, se é que sepresentou. Nas papeletas de composición da lista que tivese recibido algún voto, será eliminado e reasignaranse as posicións das candidatas.

  2. Realizarase corrección de xénero para que a lista electoral resultante estea formada por mulleres e homes alternativamente.

Proceso de votación

O proceso de votación realizarase de xeito presencial e telemático.

Voto presencial

Elixiranse dous días: un Venres pola tarde e un Sábado pola mañá, no que se instalará unha mesa electoral durante un mínimo de 2 horas.

Na mesa electoral estará presidida por un mínimo 2 persoas que formen o comité electoral máis un máximo de dúas persoas interventoras das candidaturas que se presenten. En calquera caso o proceso de votación será público polo que calquera persoas poderá estar presente durante o seu transcurso.

Para poder votar haberá que se identificar co DNI.

Opción A)

Ó peche de cada xornada, se contabilizarán as papeletas dese día.

Opción B)

Ó peche da primeira xornada a urna de votación será selada e custodiada por pola persoa designada do comité electoral. Abrirase ao día seguinte en presenza das persoas designadas como interventoras e do resto do comité electoral.

Voto telemático

Ás persoas que non poidan votar de xeito presencial daráselles a posibilidade de votar de forma telemática co seguinte procedemento:

  1. Habilitarase unha dirección de correo electrónico para o Comité Electoral onde se realizaran todos os trámites, solicitudes, consultas e reclamacións .

  2. As persoas interesadas en participar do procedemento de maneira telemática, solicitarán ao Comité electoral o voto telemático, mediante unha solicitude asinada e entregada en persoa identificándose co DNI ou a través de correo electrónico acompañado da copia do DNI. Nesta solicitude constará a dirección de email da persoa que solicita o voto telemático.

  3. Esta solicitude realizarase, como moi tarde, o día da Asemblea de proclamación de persoas precandidatas.

  4. Nun prazo máximo de 3 días, o Comité Electoral enviará por correo ás persoas solicitantes:

    1. A lista de persoas precandidatas para encabezar candidatura electoral.

    2. Unha papeleta realizada cunha folla de cálculo (formato Microsoft Excel ou LibreOffice Calc, a elixir polo usuario) coas listas e persoas precandidatas para conformar a lista electoral. Esta folla de cálculo terá caixas para escribir o voto, que se realizará do mesmo xeito que non caso do voto presencial.

  5. No caso de non ter recibido a papeleta, haberá un prazo de 3 días adicionais para reclamala ao Comité Electoral.

  6. O voto para o cabeza de lista realizarase indicando o nome da persoa que se quere votar.

  7. O voto para a lista electoral se realizará cubrindo a papeleta realizada na folla de cálculo.

  8. A votación realizarase enviando un correo electrónico á dirección do Comité electoral dende as 9:00 do primeiro día de votación ata as 14:30 do segundo día de votación. Este correo conterá:

    1. O nome da persoa precandidata elixida para ser cabeza de lista.

    2. A papeleta-folla de cálculo coa votación para a conformación da lista.

As votación telemáticas contabilizaranse a partires do momento de peche dos proceso en hurna.

NOTA: Debido ás limitacións técnicas, a votación telemática non poderá ser segreda.

Campaña electoral

A organización de Marea da Vila debe ser neutral ante os procesos de ratificación/elección da candidatura. Isto será especialmente importante durante os períodos de campaña. Porén, en ningún momento a organización de Marea da Vila poderá apoiar a ningunha persoa candidata en detrimento das demais. Por elo, non se debe apoiar a ningunha persoa candidata na páxina WEB, nas redes sociais, nas canles de comunicación coas inscritas, nin por ningún outro medio.

Así mesmo, durante a campaña da ratificación/elección da candidatura, poderanse empregar todo os medios de Marea da Vila para difundir información sobre as precandidatas, pero sempre seguindo un criterio de igual visibilidade para cada unha, e neutralidade por parte da organización.

Cada persoa membro de Marea da Vila, a título persoal, si que poderá apoiar publicamente nos seus perfís ás persoas que decida.