Reunión co Arousa moza e usuarios do SkatePark

Marea da Vila reúnese cos usuarios do skatepark e coa asociación xuvenil Arousa moza para recoller as súas demandas

Vilagarcía, a 22 de marzo de 2019. As zonas de skatepark de Vilagarcía atópanse abandonadas polo concello. Os usuarios quéixanse pola falta de limpeza da zona do Centenario así como polas pésimas condicións das instalacións, algo que xa provocou accidentes entre os usuarios. Entre as demandas que nos achegan está a da optimización do espazo, a necesidade de ampliar o concepto e buscar tamén unha zona para os que fan parkour. “A día de hoxe non teñen instalacións adaptadas. Pódelos ver no skatepark un día, na Praza de Galicia outras veces… hai que responder ás súas necesidades pero xa por unha cuestión de seguridade” di María de la O, candidata á alcaldía por Marea da Vila. “Reunímonos cos usuarios e faláronnos da atención que os de maior idade lle prestan aos máis pequenos, aos que normalmente axudan a evitar as zonas perigosas. Pero, como nos dixeron, cando non están os maiores, é un perigo.” di María de la O, candidata de Marea da Vila.

Logo de queixas e protestas por parte dos propios usuarios, a resposta do goberno municipal foi a mesma en todos os casos: o silencio.

Os usuarios insistiron ademais na importancia de que os cambios se fixeran e pensasen coa xente, ao contrario do que fixo o PP de Vilagarcía cando instalou no Centenario unha zona que non está conectada co parque e que se podería ter pensado doutro xeito, tal e como se fixo ese espazo é un cúmulo de lixo, follas e terra, algo que, como nos comentan, acaba inutilizando as instalacións. Os usuarios consideran que a instalación é errónea, algo que se podería evitar se o PP os tivera escoitado.

Por outra banda, lembran con certa indignación eventos como o Trinkadeira ou o Urban-VGA. “É o de sempre, cando por circunstancias a xente que organiza os eventos xa non está, estes morren. Non hai maneira de que o concello poña en valor isto e os acolla, de que axude á súa supervivencia. Así estamos, que do que houbo, xa non hai nada” engade María de la O. “É que xa non se trata do skatepark. Trátase dunha actitude sistemática que exclúe e non se preocupa pola xente nova” di Andrea Obenza, número dous de Marea da Vila. “Vimos de reunirnos tamén coa Asociación xuvenil Arousa moza, desde onde nos trasladaron o abandono que sufre a xuventude por parte do goberno municipal”, engade. “O máis dramático é o dos locais de apostas, que agora mesmo, ao non existir espazos nin actividades para a xuventude de Vilagarcía, arrastran a moita xente nova”.

É unha queixa común a falta de escoita por parte do Concello que non está a funcionar de facilitador das actividades e iniciativas que parten da mocidade. Precisamos habilitar espazos axeitados que constitúan unha verdadeira alternativa de ocio e encontro para a xuventude.

Deixa unha resposta